As formacións interesadas poderán inscribirse entre o 6 e o 15 de setembro.
A Real Filharmonía de Galicia celebrará o vindeiro 21 de decembro no Auditorio de Galicia, dentro da súa temporada Migracións, un concerto participativo que levará por nome ‘CANTAMOS!’ no cal poderán cantar coros galegos.
O galego Javier Fajardo será o director nun espectáculo no que o coro Orfeón Terra a Nosa actuará como coro de escenario. No programa do concerto interpretarase a Misa na Honra do Apóstolo Santiago do compositor Juan Montes e a panxoliña Merry Christmas Beethoven, de Juan Durán.
Para poder participar, os coros interesados poderán inscribirse no proxecto entre os días 6 e 15 de setembro cubrindo unha ficha e enviándoa ao correo electrónico info@rfgalicia.org. Dito formulario estará dispoñible na web da orquestra, rfgalicia.org.
Entre os coros inscritos farase unha selección atendendo ao equilibrio das cordas de cada coro e a súa traxectoria. Esta escolla será anunciada o 18 de setembro e terá un máximo de 120 coristas. Previamente ao concerto participativo estableceranse tres ensaios dirixidos polo director Javier Fajardo o 5 de novembro e 17 e 20 de decembro.