Friday 22 de November de 2024

Galicia supera en outubro os viaxeiros rexistrados en todo o ano 2014


No mes de outubro, a nosa comunidade acadou un máximo histórico de viaxeiros aloxados ao rexistrar máis de 400.000

No pasado mes de outubro Galicia rexistrou un máximo histórico na cifra de viaxeiros aloxados na comunidade ao rexistrar un total de 401.662, un 14,9% máis que no mesmo mes do ano anterior. Nunca antes se superara a barreira dos 400 mil viaxeiros no conxunto da oferta regrada de Galicia neste décimo mes do ano.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados, subiron tamén na nosa comunidade o pasado mes as pernoitas nun 10,1% neste caso en relación ao mes de outubro de 2014, acadando preto de 750.000 no conxunto de Galicia.

A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada, do 10,2% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 8,5% no que atinxe ás pernoitas. A nosa comunidade rexistrou no pasado mes a terceira taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros aloxados.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional en Galicia incrementouse no pasado mes nun 8,4%, como consecuencia esencialmente da suba da cifra de viaxeiros españois, do 10,8% neste caso. Este incremento global do turismo nacional permitiu que a nosa comunidade acadase neste mes de outubro a cifra de demanda máis elevada dos últimos cinco anos.

Pola súa parte, o mercado internacional rexistrou un crecemento do 15,1%, tamén auspiciado por unha mellora do nivel de viaxeiros estranxeiros aloxados en Galicia, do 24,6% neste caso. Así, o turismo internacional acadou na nosa comunidade neste décimo mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con 130.000, como de pernoitas, con preto de 200.000.

En outubro o 94% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 77%- como ás pensións –co 17% neste caso-. O 6% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 2% da demanda total-, aos cámpings –co 0,2%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,7% neste caso-.

En canto ao incremento da demanda, no segmento hoteleiro o crecemento situouse no 8,5, concentrándose principalmente nos hoteis que superaron nu 10,7% os niveis de demanda do pasado ano. No segmento extrahoteleiro obsérvase un incremento global da demanda, do 45%, provocada esencialmente pola suba rexistrada nos apartamentos turísticos –do 56%- e nos establecementos de turismo rural –do 46% neste caso-.

Os apartamentos turísticos marcaron no mes de outubro máximos históricos de demanda, con máis de 5.700 viaxeiros e 14.500 pernoitas.

O incremento da demanda levou consigo unha mellora dos niveis de ocupación en todas as tipoloxías. Tal circunstancia faise máis notoria nos establecementos de turismo rural, modalidade que no mes de outubro superou en máis de catro puntos a cifra de ocupación do pasado ano. Pola súa parte, os hoteis e os apartamentos turísticos amosaron tamén subas importantes, por encima dos tres puntos porcentuais.

Acumulado do ano
Nos primeiros dez meses deste ano 2015 Galicia rexistrou tamén unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística correspondente aos aloxamentos regrados, cun incremento do 12,4% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con preto de 4,2 millóns- e do 8,9% no que atinxe ás pernoitas –con máis de 8,45 millóns neste período-.

No ámbito estatal obsérvase igualmente unha mellora dos niveis de demanda. En concreto, a cifra de viaxeiros aloxados subiu un 6,1% mentres que as pernoitas incrementáronse un 4,3%. En termos de viaxeiros Galicia é novamente o destino que lidera o crecemento a nivel estatal neste período de dez meses.

Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional, subiu un 7,6%, cun crecemento de viaxeiros do 10,3%, e o turismo internacional incrementouse nun 13,8% motivado pola suba da súa cifra de viaxeiros do 17,8%.

Estes resultados fixeron que o turismo nacional acadase a cifra máis elevada de viaxeiros dos últimos cinco anos –con preto de 3 millóns- e que o turismo internacional rexistrase un máximo histórico tanto de volume –con máis de 1,2 millóns de viaxeiros aloxados e preto de 2 millóns de pernoitas- como de peso –representando o 28,9% dos viaxeiros e o 23% das noites-.

Nestes dez meses o 82,7% da demanda correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que aglutina tanto aos hoteis, co 65,1% do total, como ás pensións co 17,6% neste caso-. O segmento extrahoteleiro absorbeu neste período ao 17,3% da demanda regrada, porcentaxe que na súa maior parte correspondeu aos cámpings –co 9,9% do total-.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 9% mentres que no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 8,7%. Foron os apartamentos turísticos a modalidade que rexistrou o crecemento de maior intensidade que, cunha suba do 33% no seu volume de viaxeiros aloxados e do 18% nas pernoitas, acadaron máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados – con máis de 77 mil- como de pernoitas – con preto de 300.000-.

Tamén o segmento do turismo rural acadou un máximo histórico no acumulado destes primeiros dez meses do ano, con preto de 175 mil viaxeiros aloxados no conxunto da comunidade.