O consistorio financia o 85% das obras, que se ocuparán da eliminación de humidades e o pintado do edificio
O alcalde, Secundino García, e o presidente da asociación veciñal Adiante de Igrexafeita, Antonio Gutiérrez, asinaron na tarde do martes a subvención nominativa en favor da entidade para a execución de distintos traballos de reparación no local social da Torre, cuantificados en 18.000 euros. A achega municipal ascende a 15.000, de modo que cubrirá cerca do 85% do investimento necesario dunhas obras de inicio inminente que se centrarán principalmente na eliminación de humidades e no pintado das instalacións.
O local, situado ao pé da pista polideportiva, conta cunha construción principal que antigamente foi casa reitoral. Tras anos de abandono, nos anos 80 a asociación adquiriulla á Diocese de Mondoñedo-Ferrol e foi acometendo a rehabilitación en varias fases para adaptala aos usos veciñais: espazo para a biblioteca, un primeiro andar diáfano para xuntanzas e espectáculos, a ampliación dun dos laterais para acoller a cociña e a lareira, etc. A última obra de importancia produciuse en 2009 para renovarlle o lousado.
Neste momento o edificio sofre humidades que lle afectan ao interior. Por esta razón, a A.VV. Adiante solicitara en 2022 a colaboración municipal para acometer reparacións ante a “necesidade urxente” de amañar “os problemas estruturais que empeza a ter o local social”.
A raíz desa petición, o Concello incluíu no orzamento municipal deste ano unha partida de 15.000 euros coa finalidade de contribuír ás melloras dun edificio que acolle actividades da propia entidade e tamén outras organizadas polo Concello, como son a ximnasia de mantemento para persoas maiores ou os obradoiros de memoria activa.
Así, as actuacións proxectadas comprenderán a instalación de canalóns e baixantes, o saneamento das filtracións que se producen pola cheminea e, finalmente, o pintado exterior do primeiro andar, así como o de todos os espazos interiores.
O orzamento total dos traballos está cuantificado en 18.000 euros, que a entidade sufragará con fondos propios e co convenio municipal. En palabras do alcalde, Secundino García, o acordo asinado o martes “vén saldar unha débeda histórica con Adiante, posto que ata o momento non tivera unha contribución económica municipal tan importante para levar a cabo labores de conservación nas súas instalacións”. O rexedor recorda, ademais, que a asociación é, xunto coa UDC Narahío e a AVV O Castelo, unha das que ten un local en propiedade, mentres que a maior parte dos restantes colectivos de San Sadurniño “usan locais de titulariedade municipal, onde as tarefas de conservación as asume o Concello”.
A subvención nominativa de 15.000 euros farase efectiva en dúas veces: o 90% -13.500 euros- xusto trala sinatura do convenio, e o 10% restante -1.500- no momento en que a asociación veciñal presente a memoria e as facturas xustificativas das obras. Agárdase que a intervención quede lista para finais do verán ou comezos do outono.