Friday 22 de November de 2024

Finalización do episodio de contaminación microbiolóxica


O goberno municipal informa do levantamento das restriccións de baño tras notificación por parte da Consellería da finalización do episodio de contaminación biolóxica. Acusan ao anterior goberno de ocultar información en episodios similares acontecidos en anos anteriores.

O pasado luns día 7 o Concello de Ribeira recibiu unha notificación por parte do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade alertando da detección de contaminación microbiolóxica na auga de baño nas praias de Coroso e a Corna. De xeito inmediato, colocáronse carteis que recomendaban absterse do baño de xeito temporal, medida preventiva tomada dacordo coa lexislación vixente e baixo recomendación das autoridades competentes.

Ese mesmo día dende o Concello encárganse unhas analíticas para certificar o estado das augas, cuxos resultados chegaron no día de hoxe, notificando que as augas están aptas para o baño.

No rexistro do Concello constan informes con episodios similares como os acontecidos na praia do Prado o 07/08/2019, na do Porto o 07/09/2021 e na Catro-Catía o 07/07/2022.
“Ningún destes episodios foron informados polo anterior goberno a pesar de que algún deles tiña picos de contaminación moi superiores aos detectados agora” explicou o alcalde Luís Pérez Barral.

Os edís Vicente Mariño e Francisco Suárez tamén destacaron a falta de transparencia do anterior goberno. “Seguiremos informando cando sexa necesario porque é a nosa obriga coidar da saúde dos veciños e veciñas” afirmou Francisco Suárez.