Sunday 24 de November de 2024

O concello proxecta a conversión da Escola Unitaria de Cumiáns nun centro de transformación agroalimentaria


Tamén foi adxudicada a execución do proxecto de mellora do complexo deportivo da piscina municipal.

Concello ten proxectada unha novidosa e innovadora iniciativa consistente na conversión da antiga escola unitaria de Cumiáns -actualmente funcionando como centro sociocultural- nun espazo para a transformación artesanal de produtos agroalimentarios.

A pretensión do Concello é ofrecer aos produtores agrogandeiros un obradoiro compartido de xestión colectiva que estaría completamente equipado e á súa disposición para transformar os excedentes de produtos primarios co obxectivo de abrir novas oportunidades para engadirlles valor e aproveitar ao máximo os alimentos. Con este servizo público potenciaríase o emprendemento e promoveríase a equidade, a inclusión e o desenvolvemento sostible no sector primario.

O proxecto, que tamén inclúe accións formativas, fomentaría a economía circular mediante a colaboración, as prácticas creativas, a xeración de sinerxías e a maximización da eficiencia da cadea de subministración alimentaria.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse a solicitude dunha subvención para o cofinanciamento desta iniciativa ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ao abeiro da convocatoria para proxectos de innovación territorial, reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra a despoboación. O orzamento do proxecto supera os 100.000 euros.
Adxudicación do proxecto de mellora da piscina municipal
Na sesión foi adxudicado a Meraki CR S.L. o contrato de execución do proxecto de renovación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.

Trátase dunha ampla actuación que contempla varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de modernizar e mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.

Na zona do vaso da piscina realizaranse obras na praia para reducir os desbordamentos que se rexistran nos momentos de maior uso da instalación, o que suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética. Na parte exterior da edificación realizarase a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores.

Na zona do ximnasio será renovado o pavimento coa instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización na sala de spinning.

O proxecto foi adxudicado en 128.500 euros, aos que hai que engadir os 47.000 euros doutra actuación tamén adxudicada xa e consistente na completa renovación das máquinas do ximnasio do mesmo complexo deportivo.

Eficiencia enerxética na iluminación dos campos de fútbol

A Xunta de Goberno tamén acordou concorrer á convocatoria de subvencións do Consejo Superior de Deportes dirixidas á mellora e optimización de instalacións e espazos deportivos con cargo a fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

O Concello pretende renovar a iluminación das torres de luz dos campos de fútbol Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco substituíndo os proxectores actuais por outros LED.

Preténdese o triplo obxectivo de beneficiar ao medio ambiente coa redución da potencia e a correcta orientación das novas lámpadas para reducir a contaminación lumínica, diminuír o consumo enerxético cun aforro medio estimado do 30 % e aumentar a eficiencia coa implantación dun sistema dixital para a xestión da iluminación que permita o acendido por sectores.