No contexto da competición, que tivo lugar en Canadá, Agustín Barreiro Rodo, Pablo Segade Abad, Rubén Prado Castiñeira e Alvaro Gomez Cardesín obtiveron medalla en disciplinas como natación e remo
O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá o acto de recepción aos profesionais do servizo de Bombeiros que obtiveron medalla na última edición do World Police & Fire Games, o campionato mundial de policías e bombeiros que tivo lugar na cidade de Winnipeg (Canadá), entre o 28 de xullo e o 6 de agosto.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montse Paz, acompañada hoxe polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor “o esforzo e compromiso dos catro representantes que representaron a cidade da Coruña e, en extensión, a Galicia, nesta competición deportiva a escala mundial, o que supón un motivo de orgullo para todas e todos nós”.
Durante a World Police & Fire Games, Agustín Barreiro Rodo, Pablo Segade Abad, Rubén Prado Castiñeira e Alvaro Gomez Cardesín, pertencentes ao equipo de bombeiros do parque municipal de Agrela, subiron ao podio de gañadores en disciplinas como natación, benchpress máster e remo, entre outras.
Formación e prevención para entidades veciñais e comunidades, en caso de incendio Noutra orde de asuntos, Montse Paz lembrou que, desde este primeiro semestre do ano, os Bombeiros da Coruña están a ofrecer formación en prevención e actuación en caso de incendio a entidades veciñais e comunidades de propietarios. A iniciativa está orientada a concienciar a cidadanía sobre as medidas e pautas a seguir para, por exemplo, evitar incendios no fogar.
As comunidades e asociacións veciñais interesadas en asistir ás charlas poden formular as súas solicitudes a través dos diversos rexistros xerais do Concello.