O Concello terá que reiniciar o procedemento de licitación do servizo do transporte público, porque así o recomendan os informes técnicos solicitados nas últimas semanas. Anunciárono hoxe a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, que recoñeceron que “esta non era a decisión que nos gustaría adoptar porque suporá demorar o contrato, pero o Goberno fíxase xa o obxectivo de aproveitar a oportunidade para introducir algunhas melloras nos pregos, dentro da marxe que nos permitan os estudos económicos e de viabilidade e acordadas coa veciñanza”. Ao tempo, o Goberno traballa no procedemento para o alugueiro de autobuses que permitan substituír os vehículos máis deteriorados da flota.
A decisión de reiniciar o procedemento de licitación do transporte público responde ás recomendacións da asesoría xurídica municipal, que sostén que o estudo económico elaborado durante o pasado mandato ficou obsoleto tras a entrada en vigor do novo convenio colectivo do sector de transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña, publicado no BOP o pasado 18 de xullo. Este convenio recolle incrementos retributivos do 12,2%, a aplicar con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2023. Precisamente, o estudo económico fora un dos obxectos dos recursos contra os pregos que diferentes empresas presentaron diante do TacGal, e que foron estimados parcialmente nunha resolución publicada o 30 de xuño. Ese ditame recoñecía deficiencias na estimación dos custos salariais, así como na información relativa ao persoal a subrogar pola futura adxudicataria do contrato.
A alcaldesa explicou que o Goberno estudou a posibilidade de modificar puntualmente os pregos en licitación sen afectar ao estudo de viabilidade “co obxectivo de minorar os prazos e que Santiago teña canto antes un servizo de transportes acaído ás necesidades do noso municipio, con novas liñas e con novos autobuses”. A realidade, apuntou Goretti Sanmartín, “é que esa opción xa non é viable á vista da actualización do convenio colectivo do persoal, que suporá un importante desvío dos custos”. A rexedora insistiu en que “a vontade do Goberno é actuar coa máxima transparencia neste proceso e axilizar os prazos, “e por iso estamos traballando xa no novo procedemento de licitación, nas modificacións e correccións a incorporar, e nun novo estudo económico que recolla de maneira axeitada os custos de persoal”.
Melloras nos pregos
O concelleiro de Mobilidade incidiu en que “diante dunha situación que non é a que esperabamos, o Goberno adopta a decisión máis responsable e máis garantista, que é a de comezar un novo procedemento de licitación do servizo de transporte”. Xan Duro explicou que “o obxectivo que nos marcamos agora é mellorar os pregos feitos, porque cremos que aínda se poden facer axustes en canto ás frecuencias e aos itinerarios e no que tamén queremos introducir o servizo do bus nocturno”. Estas melloras, sinalou o concelleiro, están pendentes de ser concretadas e avaliadas técnica e economicamente.
Pacto Local pola Mobilidade
Xan Duro tamén anunciou a convocatoria, para o mes de setembro, do Pacto Local pola Mobilidade, “para dar conta da situación do transporte de maneira directa diante do tecido social, para responder a todas as preguntas sobre este procedemento, e para informar das melloras que queremos introducir nos pregos na nova licitación que teremos que comezar, e que queremos facelo coa máxima transparencia”.
Alugueiro de autobuses
Na rolda de prensa de hoxe, a alcaldesa tamén anunciou que o Goberno afrontará de maneira urxente a renovación da frota de autobuses a través do alugueiro de vehículos que substitúan aos que se atopan en peor estado, que deberán estar operativos ao longo do mes de setembro.
Tal e como explicou Xan Duro, a empresa concesionaria do servizo informou, xa durante o pasado mandato e con posterioridade ao alugueiro de 11 autobuses a finais de 2022, da necesidade urxente de substituír outros 17 vehículos. O concelleiro de Mobilidade sinalou que “o Goberno encargou os informes periciais pertinentes para coñecer a situación real da frota, e o resultado deses estudos, o último deles recibido onte mesmo, é que será preciso substituír 12 autobuses mentres que outros 5 poden ser reparados e continuar en funcionamento”. Por este motivo, o Goberno optará por seguir o procedemento utilizado a finais de 2022, para garantir a correcta prestación do servizo en setembro, co inicio do novo curso.