A proba celébrase na véspera da festa do San Roque, organizada polo Concello de San Sadurniño, o Club Biela e Chaveta e a comisión de festas
A primeira bicicleta sairá ás 18:30h desde o lugar da Veiga para salvar case 500 metros de desnivel en pouco máis de 3 quilómetros
O trazado non estará cortado ao tráfico, razón pola que desde o Concello se prega precaución
A comisión de festas de Naraío, o Concello de San Sadurniño e o club Biela e Chaveta organizan para a tarde deste venres a I Cronoescalada Sanrockeira. Unha proba ciclista na que onte, ao peche das inscricións, se anotaran un total de 52 participantes co obxectivo de marcar o mellor tempo nos pouco máis de tres quilómetros que separan a pista polideportiva da Veiga do lugar de Quintiá, situado 468 metros máis arriba. A cronoescalada comezará ás 18:30h dándo saídas de cada minuto e pasando polo Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada, Lourido e, finalmente, Quintiá. En todo ese trazado non se cortará a circulación e, por esta razón, prégaselles ás persoas usuarias da pista que circulen con precaución entre a hora de inicio e as 19:45h, momento en que está previsto que remate esta contrarreloxo coa que se abre a fin de semana festiva do San Roque.
A proba está dividida por categorías dentro de dúas modalidades, unha para bicis de estrada e outra para bicis BTT. No primeiro apartado hai seis clasificacións por idades, tanto en masculina como en feminina: Sub 23 -19 a 22 anos-, Elite -23 a 29-, Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60. Na segunda modalidade -para bicicletas de montaña-, os e as participantes encádranse en Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60.
A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:30h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos. Os tempos controlaranse con cronometraxe manual. O itinerario discorre sobre firme aglomerado, algo que favorecerá ás bicicletas de roda estreita e razón pola que a organización dividiu a proba en dúas modalidades, sabedora de que a evolución con roda ancha é, a priori, máis lenta.
O primeiro quilómetro de trazado, entre o Eirexado e a Cernada (polo camiño novo de Lourido) ten escasa dificultade, con costas suaves, algún segmento chan e incluso algunha baixada. A cousa complícase na volta do rego, a 2,4 km da meta, onde empeza un ascenso ininterrompido ata practicamente o final, cuns últimos metros en terreo chan de novo no que será posible esprintar para ganar algúns segundos… sempre que queden folgos para facelo.
Os dorsais poderán retirarse ata as 18:00h presentando o carné ou a licenza federativa. Todas e todos os ciclistas terán cobertura dun seguro e, ademais, a organización tamén contará con ambulancia ante posibles incidencias. Na chegada haberá avituallamento líquido para todas e todos os participantes, que poderán regresar á saída polo mesmo camiño respectando o avance de quen aínda estea subindo.
Ademais cómpre ter en conta que a pista estará aberta ao tráfico durante o transcurso da proba. De aí que se lle pregue a máxima precaución tanto ás persoas participantes como ás usuarias da vía, a quen tamén se lles pide que, de ser posible, usen itinerarios alternativos entre as 18:30 e as 19:45h, hora estimada de remate da crono.
Na modalidade de bicicleta de estrada levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos das seis categorías. Na modalidade BTT haberá trofeo para as primeiras persoas clasificadas -masculino e feminino- en cada unha das catro categorías Máster. Ademais tamén se lle entregará galardón a quen fagan o mellor rexistro feminino e masculino tanto na xeral en estrada como na xeral en BTT.
Máis actividades e, por suposto, festa
A I Cronoescalada Sanrockeira é o aperitivo para dous días de festa, sábado e domingo, na honra do San Roque. O programa do sábado arranca co pasacorredoiras dun grupo de gaitas, seguido cara ao mediodía de misa, “fuegho” e sesión vermú animada por Pekados. O grupo musical repetirá na verbena da noite na compaña de Origen. O domingo volve haber misa, fogos e “función” de mediodía, neste caso coa orquestra Trébol, quen compartirá escenario pola noite coa Claxxon.
O propio domingo aínda hai dúas citas máis que reseñar. Ás 10:00h partirá do castelo de Naraío a Xeorruta das Pías guiada polo doutor en Xeoloxía Fran Canosa. Primeiro baixarase á fervenza do Castro para comprender os fenómenos litolóxicos que marcan a fronteira sur do Xeoparque do Cabo Ortegal e, posteriormente, subirase a Racamonde para observar sobre o terreo as formacións graníticas que afloran na paisaxe. Ese punto, o máis elevado do concello de San Sadurniño, ofrece unha vista panorámica de case todo o territorio declarado recentemente pola UNESCO como xeoparque mundial.
Para participar no percorrido hai que reservar praza a través desta ligazón (10€ por persoa).
A segunda proposta do domingo festivo en Naraío é o “Trofeo 50º aniversario da UDC Narahío”, co que o club local prosegue coa celebración do seu medio século de vida como equipo federado. O partido, preparatorio da temporada, enfrontará aos anfitrións coa SDR Neda a partir das 18:30h.