O pasado verán xa se producira un acto de similares características coa rotura de varias balizas.
O alumeado público do tramo do paseo marítimo de Caión comprendido entre o acceso principal á praia das Salseiras e a praza Eduardo Vila Fano de Caión volveu ser obxecto do vandalismo durante as últimas noites, co resultado dunha decena de balizas rotas.
A investigación aberta pola Policía Local da Laracha considera que non se trata dun acto vandálico illado, senón dunha acción premeditada ao producirse en varias xornadas diferentes, sempre nun horario similar, na mesma zona e dun modo idéntico ao sucedido durante o verán pasado.
As pescudas do corpo de seguridade municipal céntranse nunha única persoa sospeitosa como a responsable de feitos. Solicítase a colaboración cidadá, pedindo a calquera persoa que poida achegar algunha información para identificalo que se poña en contacto coa Policía Local.
O Concello lamenta o sucedido e que este acto, ademais de supoñer un gasto para as arcas municipais, perturbe a tranquilidade na vila de Caión dos veciños alí residentes, turistas e visitantes.