O Concello de Oleiros reclamará á Xunta de Galicia os 104.938 euros de gastos de reparación de zonas verdes públicas provocados polos danos dos xabaríns desde o 1 de xaneiro ata o 31 de xullo do presente ano. A administración autonómica é a competente en materia de fauna salvaxe, polo que debe asumir as súas obrigas.
Un exhaustivo informe elaborado por persoal técnico municipal evidencia o enorme dano que nos últimos 7 meses causaron estes animais nos parques públicos. O Concello xa propuxo á Xunta tomar unha serie de medidas para o control destas poboacións cada vez máis presentes nas zonas habitadas, pero o Goberno autonómico garda unha pasmosa pasividade.
Os danos afectan ao 30% dos parques que habitualmente mantén o Concello directamente ou a través de contratas. As afeccións requiren intervencións rápidas, que consisten na recolocación do terrón manualmente con cuadrillas de operarios, coberturas de área ou sustrato e semente de céspede para regularización e evitar baches (seguridade), a revisión do sistema de sega e a limpeza no vial de escorrentías de limos e arrastres de terra.
O informe recolle que os xabaríns repiten nas mesmas zonas, en canto a esgotan avanzan no mesmo xardín coma se fosen escavadoras, insisten nas zonas húmidas por ter instalación de rega ou sombra, non responden ós tratamentos necesarios para o céspede de control dos vermes do chan que comen a raíz do mesmo, nin a cebos especiais.
Os animais non están a amosar o máis mínimo temor ante a poboación, obviando a presenza das persoas. Utilizan espazos públicos non axardinados para avanzar entre as zonas verdes afectadas, e ademais afectan a eventos públicos, como a pasada edición de Alfaroleiros. Os parques de nova creación ou en proceso de desenvolvemento están sendo afectados antes de que a cidadanía poida utilizalos.
Os servizos públicos de mantemento dos parques de Oleiros ven afectado o seu traballo dun xeito importante, pois cada día teñen que programar traballos extraordinarios de restauración das zonas afectadas.