Entre os días 11 e 17 de agosto, as sesións en directo do planetario estarán dedicadas a este rechamante fenómeno astronómico
A choiva de estrelas fugaces das Perseidas é unha dascitas anuais máis importantes para as persoas afeccionadas á astronomía. Este ano, a corrente de meteoros alcanza o seu punto álxido a noite do 12 ao 13 de agosto, mais a choiva de estrelas fugaces non é un fenómeno puntual, polo que se poderá seguir gozando delas nos días seguintes. Ademais, este ano o máximo coincide cunha Lúa case nova, que apenas achega luz á noite, polo que será máis sinxelo observalas que noutras ocasións.
No período de máxima actividade poden chegar a verse preto de 100 estrelas fugaces cada hora baixo un ceo moi escuro e despexado. A contaminación luminosa fai que nas proximidades das cidades ou en zonas con forte iluminación o número de meteoros visibles diminúa considerablemente.
Neste sentido, entre o venres 11 e o xoves 17 de agosto, a rede de Museos Científicos Coruñeses do Concello ten previsto que as sesións en directo do planetario da Casa das Ciencias inclúan recomendacións para observar as Perseidas. Para asistir é preciso obter entradas o mesmo día da sesión, desde a apertura do museo ás 10.00 horas.
Sen prismáticos
Para gozar das Perseidas non se precisan instrumentos ópticos, como prismáticos ou telescopios, nin se requiren coñecementos especiais de astronomía, xa que os meteoros poden verse por toda a bóveda celeste. Iso si, todas as traxectorias parecen xurdir da constelación de Perseo (de aí o seu nome) que emerxe polo horizonte en dirección nordeste pasada a medianoite.