Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades leva rozadas máis de 300 quilómetros de estradas este ano


Dous tractores comezaron a traballar este mes de agosto para rozar 120 quilómetros de pistas de monte para prevención de lumes forestais

O Concello de Frades vén de rematar a primeira fase dos traballos de roza dos máis de 600 quilómetros de pistas e estradas que compoñen a súa rede viaria municipal. Os traballos, que se acometeron cos dous tractores, permitiron rozar máis de 300 quilómetros de estradas no municipio.

“Levamos rozadas máis de trescentos quilómetros de pistas. Unha vez todas as asfaltadas en todas as parroquias e dúas veces os eixos principais de comunicación en aglomerado de Frades”, explica Manuel Ferreiro Marzoa, concelleiro de Medio Rural e Limpeza Viaria, quen indica que “agora temos os dous tractores traballando nas pistas de monte como medida preventiva contra os lumes forestais”. Así, neste mes de agosto rozaranse outros 120 quilómetros de pistas de monte.

Estes traballos uniranse aos que vai acometer a Brigada de Incendios do Concello de Frades, composta por cinco persoas. Mentres non estean traballando na extinción de lumes forestais, esta brigada encargarase de rozar outras doce hectáreas de terreos de propiedade municipal como medida preventiva contra os incendios.