Friday 22 de November de 2024

Un total de 30 rapaces e rapazas participaron na primeira edición do Campamento Musical organizado pola Banda de Música de Lousame


A rapazada participou no concerto de clausura dos campamentos xunto a integrantes das bandas de música de Lousame e de Bandeira

Un total de 30 nenos e nenas participaron na primeira edición do Campamento Musical organizado pola Banda de Música de Lousame, que tivo lugar a semana pasada. Ademais de avanzaren nos seus coñecementos musicais, a rapazada desfrutou de numerosas actividades lúdicas como saídas á piscina, sendeirismo, praia…

Tres días de campamento que remataron cun concerto especial chamado “O País das bandas” no que o alumnado do campamento puido tocar con integrantes da Banda de Música de Lousame e da Banda de Música R. C. De Bandeira (Silleda). A actriz silledense Cristina Collazo foi a encargada de dirixir a velada a modo de contaconto, no que cada parte era acompañada por unha peza interpretadas das dúas bandas.

Un concerto celebrado no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra de Lousame e ao que asistiron preto dun cento de persoas. Este I Campamento Musical estivo organizado pola Banda Municipal de Música de Lousame, en colaboración cos Concellos de Lousame e Silleda, e a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira.