O último sábado de agosto está marcado no calendario como o día en que San Sadurniño se converte en capital de todo o que ten que ver co desenvolvemento local, por medio da xa consolidada Feira Rural que este ano chega á súa 14ª edición. Un evento deseñado co obxectivo de reivindicar o potencial produtivo e económico das zonas rurais desde a óptica da sostenibilidade. Na feira poderemos atopar moita variedade de produto fresco e elaborado, maquinaria, flor e planta, artesanía e artigos de segunda man. Ademais tamén haberá obradoiros para todas as idades, degustacións, sorteos, música, circo, baixadas en kaiak polo Xubia e o xa tradicional concurso de froita autóctona da nosa comarca con premios para os mellores lotes.
A XIV Feira Rural mantén invariable o seu esquema, combinando a súa finalidade comercial de proximidade con actividades orientadas ao lecer e, en definitiva, a que a xente de dentro e fóra de San Sadurniño pase un día agradable á beira do Xubia.
Así, para a cativería hai preparados dous obradoiros de construción de papaventos e volven os descensos en kaiak polo Xubia (tamén para persoas adultas), ademais de estar programadas as actuacións de Brassica Rapa e do colectivo Circando. De novo poderemos visitar a horta de froiteiras -con explicación de enxertados e podas- e o colmear didáctico.
Completan a oferta da xornada, que se prolongará desde as 10 ata as 20:15h, os sorteos de vales para o comercio local e lotes de froita, as degustacións e a exposición/concurso monográfico da Raza Can de Palleiro.
Na feira poderase xantar a prezos populares, aínda que tamén é boa opción traer a merenda para comer á sombra do paseo fluvial ou ben reservar en calquera dos restaurantes locais.
Reserva de postos e concurso de froita
Os expositores e expositoras que queiran participar na XIV Feira Rural teñen até o 21 de agosto para presentar as súas solicitudes, indicando os metros que precisan para asentar os seus postos. Teñen que cubrir o formulario normalizado e rexistralo presencialmente no Concello -en horario de mañá de luns a venres- ou ben pola Sede Electrónica (adxuntando a folla a unha solicitude xenérica). Tamén se pode mandar por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”.
O listado de asistentes publicarase o día 24 e o día do evento é obrigatorio presentar o resgardo de pagamento da taxa correspondente.
Por outra banda, durante a mañá da feira tamén se desenvolverá o concurso da froita autóctona. As inscricións neste caso hai que facelas o mesmo día, no momento de presentar os lotes para a exposición. As bases poden descargarse desde esta ligazón.
Todas as persoas participantes no concurso levarán como agasallo unha froiteira do país e os tres mellores lotes recibirán como premio cadanseu vale de 100 euros canxeable nun establecemento local. Eses tres cestos ganadores quedarán en poder da organización para ser sorteados entre o público antes da clausura da feira.
PROGRAMA DA XIV FEIRA RURAL DE SAN SADURNIÑO
26 de agosto de 2023, Leira da Cortiña (Google Maps)
10:00h Apertura da feira e exposicións: agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaria e 2ª man. As solicitudes deberán presentarse no Concello ou na Sede Electrónica municipal antes das 14:00h do 24 de agosto. Descarga da folla de solicitude e normas de participación.
10:30 a 13:30h Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso de 10:30 a 11:30h na carpa principal. Agasallo dunha froiteira do país só por participar. Descarga das bases do concurso.
– Premios: tres vales de 100€ canxeables en establecementos locais.
11:30h Visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas “Carlos Fornos” con obradoiro de enxertado.
11:30h Baixadas en kaiak polo Xubia
12:00h Obradoiro infantil de construción de papaventos
12:00h Actuación de Brassica Rapa
12:00h a 14:00h Cata-degustación de froita autóctona
12:30h Visita guiada ao Colmear didáctico
14:00h Sorteo de vales para consumo no comercio local valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.
Na feira haberá espazo para xantar a prezos populares e tamén se pode traer a comida e sentar nalgún dos recunchos do arboreto ou do paseo fluvial. Outra opción é xantar nalgún dos restaurantes da zona (recoméndase reservar con tempo). Listado de aloxamentos, mesóns e casas de comidas (ligazón externa).
TARDE
16:30h XXIV Concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro (máis información en www.clubcandepalleiro.com)
16:30h Baixadas en kaiak polo Xubia
17:00h a 19:00h Cata-degustación de froita autóctona
17:30h Visita guiada á Horta de froiteiras autóctonas “Carlos Fornos” con obradoiro de poda de verán
17:30h Obradoiro infantil de construción de papaventos
18:00h Actuación da compañía Circando
18:30h Visita guiada ao Colmear didáctico.
19:45h Segundo sorteo de lotes de froita e de vales para consumo no comercio local valorados en 40 euros. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.
20:15h Clausura da XIV Feira Rural.
Exposicións e actividades paralelas durante toda a xornada:
– Froita autóctona da AGFA do Eume.
– Apicultura da Asociación Casa do Mel de Goente.
– Raza Can de Palleiro.
– Expositor do Concello: Información xeral sobre a feira, xunto con información turística: rutas, que ver, proxecto Terra de Vida e Xeoparque do Cabo Ortegal. O expositor tamén é o lugar de inscrición para as baixadas en kaiak, as visitas guiadas e os obradoiros infantís.