Saturday 16 de November de 2024

“Miúdo Verán” continúa este xoves no paseo marítimo de Xuvia co concerto de Os Xabatos


A partir das 20:00 horas, a banda liderada pola mítica voz do Xabarín, versionará os grandes éxitos do pop-rock galego para o público infantil

O programa municipal Miúdo Verán continúa esta semana con novas propostas e novos escenarios. Así, o paseo marítimo de Xuvia acollerá este xoves ás 20:00 horas o concerto de Os Xabatos, liderado por Juanillo Esteban, a mítica voz do Xabarín, que versionará os grandes éxitos do pop-rock galego para o público infantil.

Xunto a Esteban, integran a banda Fernando Esclusa (guitarra e coros); Javier Vaamonde (baixo e coros), e Alberto Dopico “Delpi” (batería). Ofrecerán unha viaxe sonora pola historia das mellores cancións de pop-rock compostas orixinariamente en galego, e a rapazada poderá así coñecer aos artistas que abriron camiño compoñendo música moderna no noso idioma. Entre eles, Andrés do Barro, Os Resentidos, Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Heredeiros da Cruz, Víctor Coyote, Os Diplomáticos de Monte Alto…

A actividade inclúese no programa Cultura no Camiño 2023.