Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno aproba o inicio do expediente para a contratación das obras de reforma da Praza de Abastos


Na primeira sesión ordinaria de agosto, a Xunta de Goberno deu luz verde ao inicio da contratación das obras de reforma da Praza de Abastos, que contan cun orzamento de licitación de 518.000 euros. Tamén aprobou a concesión das axudas para a promoción e dinamización comercial por un importe de 85.000 euros e o inicio do expediente para a redacción do proxecto da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel. De todos os asuntos deu conta en rolda de prensa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

As obras de reforma da Praza de Abastos, “moi necesarias e solicitadas dende hai tempo”, como indicou a rexedora, actuarán fundamentalmente sobre as marquesiñas, os estores, as portas corredeiras, o cuarto de baño adaptado e a instalación eléctrica da torre central. Contan cun orzamento base de licitación de 518.710,53 € (base impoñible de 428.689,39 € máis IVE do 21% de 90.024,14 €) e adxudicaranse seguindo o procedemento aberto simplificado, de acordo co artigo 159 da LCSP.

Sinalou Sanmartín que contan cun prazo do execución de 130 días hábiles dende a sinatura do contrato e que se realizarán de forma compatible coa actividade da praza.

O Mercado de Abastos localízase nun inmoble de titularidade municipal, sobre o que se realizaron obras de remodelación contratadas pola Administración xeral do Estado (a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo) á empresa TRAGSA, e que se executaron en 2014. Desde que remataron as estas obras, o edificio vén arrastrando unha serie de deficiencias recollidas no “Informe sobre o estado da Praza de Abastos de Santiago de Compostela” que, ademais de analizar as causas que as provocan, determina o protocolo a seguir para corrixilas.

Todas as actuación recollidas no informe, consensuadas coas persoas praceiras e coa xerencia do Mercado de Abastos, teñen como obxectivo a posta en valor do edificio, incrementar a súa funcionalidade, e facelo máis cómodo e accesible.

Actuacións

Un dos elementos sobre os que se vai actuar son as marquesiñas de vidro. Segundo os planos recollidos no proxecto de 2006, existían tres tipos de marquesiñas: tipo A: as marquesiñas situadas na cabeza sur, de comunicación co edificio de obradoiros; tipo B: marquesiñas centrais de comunicación entre as naves; tipo C: marquesiñas sobre os postos da muralla.

Respecto das marquesiñas tipo C, as propostas de actuación, que non prevén modificacións na estrutura existente, pasan por eliminar as filtracións e mellorar o mantemento do falso teito. Entre as actuacións contempladas figuran darlle unha pendente mínima de 1,5% ao plano de vidro da cuberta, cunha instalación dunha nova baixante por canlón, unha nova impermeabilización adherida ou flotante sobre o canlón existente; e a instalación dun novo canlón a modo de freo para a auga recollida pola cuberta de tella. Tamén se recolle un falso teito de reixa en aceiro galvanizado, máis doado de desmontar e de máis sinxela limpeza e mantemento.

Nas marquesiñas tipo A e B proponse unha intervención similar á das marquesiñas tipo C, mantendo no posible o conxunto, e mediante a substitución dos elementos que resolvan as filtracións de auga e o difícil mantemento do falso teito. Deste xeito, mantense o canlón existente pero prevese a súa limpeza así como a revisión de selaxes e unións con estrutura metálica existente. O falso teito de vidro, de difícil mantemento será substituído por unha malla permeable á luz que sirva para tamizar o seu paso; un elemento o suficientemente lixeiro e resistente para o seu fácil desmonte e manipulación.

Polo que respecta aos estores verticais que protexen do sol aos postos localizados sobre a muralla, en mal estado de conservación, proponse unha nova localización entre piares. Esta nova distribución facilita o seu mantemento, ao seren pezas máis pequenas. Colocaranse con guías verticais, para garantir o seu uso e mantelos desde ambos lados. Esta solución tamén fai que estes elementos, que deben entenderse como auxiliares, teñan menos peso visual desde a rúa Virxe da Cerca. Ademais, dotaranse de caixas para que estean resgardados da intemperie e motorizaranse para que o recollido se realice de xeito sinxelo.

En canto ás portas corredeiras das naves, de 3 metros de altura, proponse instalar novos motores, co obxecto de axilizar a súa apertura pola nova localización do sensor de presenza, que se descolgará do dintel. Ademais, as portas estarán provistas dun marco perimetral de aceiro inoxidable mate, o que protexerá os vidros dos golpes nos bordos. Unha delas xa se mudou, a través dun proxecto piloto, e agora vanse cambiar o resto.

O cuarto de baño adaptado está instalado no ámbito do edificio dos obradoiros e vese afectado por continuos atascos. Para solucionalo, substituirase a arqueta exterior por outra de maior tamaño e mellor executada que responda ás necesidades das acometidas que recibe.

A torre central onde se sitúan os servizos administrativos presenta unha serie de deficiencias na instalación eléctrica. Realizarase unha instalación interior nova conservando as luminarias, pero renovando o cadro de cada planta e o seu cableado de distribución interior para que os circuítos queden ben diferenciados.

Complexo deportivo de Santa Isabel e Plataforma loxística

Tamén se acordou nesta sesión aprobar o expediente de contratación dos servizos de redacción de proxecto e dirección facultativa da obra de rehabilitación integral do complexo deportivo de Santa Isabel, cun orzamento base de licitación de 353.131,99 € (base impoñible de 291.844,62 € máis IVE do 21% de 61.287,37 €) e abrir o procedemento de adxudicación. Este contrato está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR)así coma polo Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP).

Esta obra únese á do pavillón de Vite, cuxa actuación “comezará en xaneiro de 2024”, sinalou a alcaldesa, que lembrou a importancia de ambos proxectos, cun orzamento global de 4,3 millóns de euros. En concreto, as obras de mellora e renovación do complexo deportivo Santa Isabel terán un custo total de 2.975.903,26 euros, dos cales 2.340.149 euros se corresponden coa axuda do goberno e 634.754,21 euros, coa achega do Concello. Esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo.

Pola súa parte, a rehabilitación do polideportivo municipal de Vite recibirá 979.278 euros do PIREP para un proxecto que ascende a 1.325.277 euros e que contará cunha achega municipal de 345.999 euros. A actuación recolle o cambio da cuberta exterior, o tellado, todos os elementos de impermeabilización, de luz, de auga e de servizos.

Nesta sesión tamén se aprobou provisionalmente o Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) para a creación dunha plataforma loxística de intercambio de mercadorías no sistema xeral SU-3 segundo o documento presentado pola asistencia técnica Alfonso Botana S.L, de data 4 de agosto de 2023, que introduce as correccións solicitadas no informe previo emitido pola Dirección xeral de Ordenación do territorio e Urbanismo con data 28 de xullo de 2023.

Goretti Sanmartín anunciou que o plan modificado cos requirimentos será remitido hoxe mesmo á Xunta para poder seguir coa tramitación e levar o expediente o antes posible a pleno.

Axudas á dinamización comercial

Entre outros asuntos, o executivo municipal tamén aprobou a concesión de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago para o ano 2023, por un total de 85.000 euros. Desta cantidade, a Fundación Fundación Santiago Centro Área Comercial recibiu 19.268,88 euros; a Asociación de empresarios e profesionais Compostela Monumental, 24.567,49; a Asociación Punto Compostela CCA, 20.426,46; a Asociación Em-Rede. Rede de iniciativas empresariais de Santiago e comarca, 4.174,20 euro; e a Asociación de artesáns e comerciantes Ourives de Compostela, 16.562,97 euros.

Con estas subvencións, as asociacións comerciais poden financiar sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer os seus intereses; actuacións de dinamización e promoción comercial encadradas dentro dun proxecto de promoción dos establecementos; campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios así como elaboración de material promocional, que se orienten a potenciar as distintas tempadas ou fitos con relevancia comercial ao longo do ano; a implantación ou mantemento de servizos de apoio e asesoramento ao comercio polo miúdo; ou actuacións encamiñadas á mellora da competitividade comercial. Tamén son subvencionables os custos de persoal e de administración específicos, sempre e cando estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa adecuada preparación e execución.

Convenios con entidades culturais e sociais

A Xunta de Goberno deu luz verde a cinco convenios con entidades culturais e sociais por importe de 85.000 euros: 50.000 destinados a Performa Sociedade Cooperativa Galega; 5.000 para a Asociación Cultural O Galo; 20.000 para a Asociación Cultural Cidade Vella; 5.000 para os Cursos Universitarios de “Musica en Compostela”; e para Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, tamén 5.000,00 euros.