Dende o BNG de Oleiros demandamos á Administración autonómica, en coordinación co Concello, unha implicación activa na solución e na prevención deste grave problema coa elaboración dun plano preventivo e de control
Trátase así de evitar a aparición de posibles enfermidades e de reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico
Nestes últimos anos, e especialmente nestes últimos tempos, estamos asistindo a unha presenza sistemática e habitual dos xabarís en contornas urbanas ou semiurbanas. Hai unha clara evidencia do notábel incremento da poboación destes animais. Hai varios factores que están detrás deste aumento: pola rotura da cadea trófica e que apenas teñen depredadores, polo abandono que sofre o noso medio rural, pola expansiva e opresiva urbanización no noso Concello, etc. Tamén, existen evidencias que responden a cambios nos modelos de conduta destes porcos bravos ao ver que van conseguindo alimento de xeito doado cada vez mais preto dos núcleos urbanos e sen que lles teña consecuencia algunha.
É frecuente ver nas nosas vilas, nos arredores da mesma, e incluso en parroquias costeiras e moi urbanizadas como Santa Cruz, Oleiros ou Santa Cristina entre a continuada presenza de xabarís, sos ou en manada, e cada vez máis en períodos diúrnos de actividade humana, irrompendo en terrazas, concertos e diferentes actividades sociais e eventos. Tamén observamos con preocupación os accidentes que se produciron nas estradas, especialmente na Vía Ártabra, precisamente por atravesaren os valados de malla metálica e introducírense nos carrís de circulación de vehículos (tamén competencia da Xunta).
Dende o BNG sabemos, pois, que non hai solución simple a este problema endémico na Galiza, mais que tampouco podemos deixar de obviar. Un Concello coma o noso non ten competencias directas para poder actuar sobre esta problemática, aínda que si pode contribuír a coordinar esforzos para tentar controlar esta situación coa Xunta da Galiza, única competente e ausente, como adoita ser demasiado habitual.
Urximos á Xunta a elaboración dun plano comarcal e nacional rigoroso e inmediato que solucione dunha vez un problema que vai a máis. Este plano debería incluír a prevención co traballo no medio rural ou semirrural, co roce e limpeza das leiras, que inclúa un censo dos exemplares, áreas e características dos mesmos, alén da captura destes animais polos medios máis inocuos, como as gaiolas ou unha posíbel esterilización.
O obxectivo debe ser controlar de xeito efectivo e seguro os exemplares e avistamentos desta especie silvestre en zonas próximas ás cidades ou a núcleos de carácter urbano e periurbano, nas que non está permitida a actividade cinexética e onde a presenza de xabarís adoita xerar unha notábel alarma social.
Trátase así de evitar a aparición de posíbeis doenzas e de reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico a través dunha xestión de calidade que permita harmonizar os métodos de control da poboación da especie cos criterios de conservación.