Foi no marco das II xornadas de traballo e convivencia de mandos e xefes da Policía Local que se están a desenvolver na Agasp
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro con xefes e mandos da Policía Local para coñecer de primeira man as súas demandas, tanto a nivel formación como de coordinación. Foi no marco das II xornadas de traballo e convivencia de mandos e xefes da Policía Local que se están a desenvolver na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada.
Ao longo de dous días, onte e hoxe, preto de trinta xefes de Policía Local recibirán formación en materias fundamentais para o desenvolvemento do seu traballo. Participan axentes da
Coruña, Vigo, Baiona, Carballo, Arteixo, Rianxo, Moaña, Gondomar, Bueu, Valdoviño, Cedeira, Santiago, Carral, Bergondo e Porriño, entre outros concellos.
Onte os participantes recibiron formación sobre actualización normativa, sendo conscientes dos profundos cambios que en materia penal e procesual se produciron nos últimos tempos e que lles afectan directamente nas súas funcións. Xa pola tarde, aprenderon a mellorar a capacidade de liderado e persuasión nos equipos de traballo, co obxectivo de concienciarse da súa propia capacidade e ofrecendo ideas e recursos de utilidade.
Esta mañá, despois do encontro co responsable de Interior da Xunta, participarán nunha actividade totalmente novidosa, “O reto para acadar obxectivos”, centrada na formación de directivos. A través desta iniciativa os mandos serán conscientes da importancia que ten a súa actitude, confianza e motivación no seu entorno. Rematarán cunha dinámica de alto impacto, o Glasswalking, na que os participantes camiñarán sobre cristais rotos para mellorar a súa motivación e superación persoal.