Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e a Deputación exploran novas formas de colaboración en materia turismo, patrimonio e desenvolvemento local


O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, reuniuse este venres co equipo de goberno

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, mantivo un encontro este mediodía co goberno do Concello de San Sadurniño para interesarse polo estado dos proxectos que contan con apoio provincial e tamén para explorar novas vías de colaboración entre ambas institucións. Regueira, responsable desde hai uns días das áreas de Promoción Turística, Artesanía, Comercio e Cadea Agroalimentaria, mostrou a disposición dos departamentos da súa competencia para estudar as propostas que achegue o executivo local. Da xuntanza saíron xa varias ideas de cara a ir traballando nelas xa desde o comezo deste novo mandato municipal e provincial.

A primeira das iniciativas relacionadas co turismo que se lle expuxeron ao vicepresidente da Deputación foi a da posibilidade de acometer unha nova intervención no castelo de Naraío que se centre, desta vez, na limpeza de toda a terra e a vexetación que rodea a fortaleza. A finalidade desta actuación, que debe ir acompañada dun labor arqueolóxico, é deixar ao descuberto todos os paramentos que aínda se conservan e que arestora permanecen ocultos.

Segundo comentou o alcalde, Secundino García, a retirada dos sedimentos “permitiríanos sacar á luz a totalidade da fortaleza, obter nova información sobre o seu deseño e o seu pasado e, a partir de aí, ter máis claro por onde avanzar en futuros traballos de conservación e posta en valor. Tamén hai que dicir que retirar a vexetación e a terra acumulada durante anos simplificaría moito o mantemento futuro do recinto”.

O Goberno local tamén comentou con Xosé Regueira a conveniencia de coordinar as investigacións en Naraío e noutras fortalezas como a de Moeche ou a da Concepción, en Cedeira, como parte das liñas de acción do Xeoparque do Cabo Ortegal.

Por outra banda, no ámbito do desenvolvemento rural vinculado coa produción de proximidade, a xuntanza tamén serviu para falar do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, financiado maioritariamente pola Deputación da Coruña. De feito, o ente provincial subvencionará neste mesmo ano un investimento de 101.000 euros nas zonas de transformación de horta e de envasado de mel, co obxectivo de completar o equipamento dunhas instalacións que están integradas na rede de traballo colaborativo da Deputación. Regueira destacou “o valor estratéxico” da iniciativa, considerada polo vicepresidente provincial como “unha aposta decidida pola soberanía alimentaria e polos circuítos de comercialización de proximidade”.

A este respecto, Regueira tamén comprometeu apoio para os proxectos que se queiran levar a cabo en relación coa cadea agroalimentaria, así como para as dúas grandes feiras anuais que se desenvolven en San Sadurniño -a da Plantación e a Feira Rural- por tratarse de “escaparates da nosa capacidade produtiva e do vigor dun rural que quere e pode traballar se se lle dá a oportunidade de facelo”.