Estas actividades son impartidas por Yasemin Tekiner e Emine Kara, do programa de voluntariado europeo European Solidarity Corps
Un total de 30 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 5 e os 10 anos, participaron esta semana nas “Leisure activities in english”, un programa gratuíto de actividades educativas e de ocio en inglés impartidas por Yasemin Tekiner e Emine Kara, voluntarias europeas do Concello de Lousame. Entre o 21 e o 24 de agosto terá lugar a segunda quenda de estas sesións, esta vez con crianzas de máis de 10 anos.
Para dar fin ás actividades os cativos e as cativas desfrutaron do espectáculo “A Maxia de Europa”, unha actuación do mago Pedro Bugarín que mesturou xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea. Esta actividade lúdica foi organizada por Europe Direct A Coruña dentro da iniciativa Europa no teu Concello, da que forma parte o Concello de Lousame.
A concelleira de Xuventude e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que participou nesta última xornada, destacou que “a rapazada pasouno moi ben e aprendeu moito nestas actividades” e aproveitou para “agradecer unha vez máis a colaboración de Europe Direct A Coruña, sen cuxa participación sería imposible desenvolver este tipo de actividades”.