Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo para inscribirse no “II Torneo Cidade de Narón de mus” que se celebrará a vindeira semana


A cidade acollerá o vindeiro 12 de agosto a segunda edición do “Torneo Cidade de Narón de mus”. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou a convocatoria xunto con David Díaz, Franciso de Solaún e Manuel Torres, vicepresidente, tesoureiro e vogal, respectivamente, da asociación Musnar. O Concello organiza a convocatoria coa citada entidade e a Federación Galega de Mus.

Santalla informou que as persoas interesadas en participar poden anotarse ata o vindeiro día 11, ás 23.59 horas, a través da APP Mustotal. O torneo levarase a cabo nas instalacións do Hotel Valcarce, no polígono de Río do Pozo, dende as 10.00 ata aproximadamente as 23.00 horas. Entre os premios, tal e como avanzaron dende Musnar, están unha praza para o master do campionato de España e dúas para o campionato galego, ademais de cheques agasallo e trofeos, entre outros.

Ao igual que na anterior edición, espérase a participación de xogadores e xogadoras procedentes de diferentes concellos galegos, maioritariamente de Pontevedra, Lugo e Ourense e tamén doutras comunidades.

A asociación Musnar agradeceu ao Concello de Narón a súa aposta por convocar unha nova edición deste evento na cidade. Pola súa banda, o edil de Deportes destacou o labor da citada entidade, unha das de máis recente creación na localidade.