Friday 22 de November de 2024

Unha exposión fotográfica e lendas teatralizadas, citas obrigadas no castelo de Moeche antes do Irmandiño


Agosto é un mes especialmente intenso no castelo de Moeche. As vacacións do verán multiplican as visitas á fortaleza e ao Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas -recentemente remodelado- e, ademais, o Festival Irmandiño, coa chea de xente que atrae, tamén acentúa o interese por descubrir o pasado medieval modestino. A iso hai que engadirlle outras propostas na liña de que o castelo sexa un espazo permanente para distintos eventos culturais. Os máis inmediatos son a exposición sobre natureza e paisaxe do proxecto Lost in Woodlands Photography do reputado fotógrafo mugardés Álvaro Lamas, aberta desde hoxe mesmo, e a Noite de Lendas representadas pola Escola Municipal de Teatro que terá lugar intramuros o venres 11 de agosto a partir das 22:30h con entradas a 4€.

Álvaro Lamas é un fotógrafo especializado en paisaxes e natureza cunha querencia especial polos bosques e ríos galegos, sobre todo polos do norte da provincia da Coruña, aínda que no seu proxecto Lost in Woodlands Photographytamén podemos ver instantáneas doutros recunchos do Estado e do mundo nas que sempre busca o protagonismo das contornas e a súa beleza sen presenza humana.

Ten percorrido miles de quilómetros e botado horas encadrando e realizando imaxes asombrosas de fragas, ríos e puntos costeiros espectaculares que despois amosa nas súas redes sociais e que incluso se lle poden mercar imprimidas en grande formato sobre papel ou sobre aluminio, en ambos casos cunha calidade abraiante.

Cores verdes intensas, augas sedificadas -a técnica de longa exposición que fai parecer os ríos e regatos coma un ronsel de seda-, detalles cálidos ou fríos que contrastan co fondo e que fixan a atención de quen mira no lugar xusto, gradacións suaves entre luces e sombras propiciadas polo tamiz da néboa ao amencer ou os fortes contrastes da hora máxica do solpor, así como un grande dominio da composición tanto nas tomas con grandes angulares como na fotografía macro, son só algúns dos trazos que definen o seu xeito de ver e reflectir a natureza.

A mostra de Lamas poderá visitarse coa entrada do castelo ata o 30 de setembro na sala de exposicións do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas. Os horarios son os habituais de apertura da fortaleza: os mércores, xoves e venres de 11:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:00h, mentres que os sábados, domingos e festivos o horario ampliado de verán é de 11:00 a 14:30h e de 16:00 a 20:00h.

Lendas teatralizadas
Seguindo coa programación de actividades de verán para o castelo de Moeche, os departamentos de Cultura e Turismo organizan unha noite de lendas no castelo, cunha teatralización dos principais mitos e lendas do medievo galego relacionadas coa nosa fortaleza e a súa historia.

A Escola Municipal de Teatro, dirixida por Pepablo Patiño, preparou unha representación na que un peregrino de camiño a Santo André irá narrándolle á familia que o acolle en Moeche cinco historias ben coñecidas: a do Mariscal Pardo de Cela, a de Roi Xordo, a do Lobishome de Moeche, a do malpocado Vasco o Trobador -morto a mans de Nuno Freire de Andrade por ter pretendido a súa filla- e a lenda dos sartegos medievais da capela de San Xiao dos Ósos, en Labacengos, que disque curan os males de quen se deita neles.

A obra representarase o venres 11 de agosto a partir das 22:30h no castelo con entradas ao prezo de 4€. O aforo é limitado, polo que cómpre reservar chamando ao Concello -981 440 006- ou enviando un correo a turismo@moeche.gal.