O concelleiro de Medio Ambiente e Sanidade, Manuel Ramos, e a presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, desprazáronse ao paseo marítimo de Xuvia con motivo da instalación dos códigos QR da novidosa xincana turística do Camiño Inglés inclusivo. O Concello apostou por materializar esta iniciativa promovida pola ASCM para achegar o Camiño Inglés ás persoas con mobilidade reducida e ofrecer novas experiencias turísticas para todas as persoas.
En total instaláronse catro códigos QR no paseo de Xuvia, concretamente nas inmediacións do parque canino, do parque infantil, da ponte que enlaza os concellos de Neda e Narón e do magnolio centenario. Dende a plataforma: www.guiaventuras.com á que redireccionan os QR (de cor azul) pode accederse a toda a información. “Este percorrido autoguiado atópase nas inmediacións do quilómetro 100 do Camiño Inglés cara a Compostela e discurre por un trazado adaptado a persoas con discapacidade, contando cun sistema de audioguía que pode utilizar calquera persoa”, explicou Ramos.
Pola súa banda, a presidenta da ASCM incidiu en que se trata “da primeira xincana turística dixital inclusiva no país”. Gárate apuntou que “esta innovadora experiencia consiste en percorrer un tramo do Camiño de Santiago dunha forma diferente, respetuosa e divertida porque mentres se segue o percorrido marcado, coa axuda dun móbil recíbese información sobre os puntos que imos visitando”.
A información ofrece datos históricos, etnográficos e curiosidades dos puntos visitados pero o visitante, tal e como indicaron, non poderá avanzar ao obxectivo seguinte do itinerario ata que non resolva unha pregunta ou acertixo relacionados co punto en cuestión, habendo un total de trece. Unha descrición da cidade, da importancia das peregrinacións, o proxecto Life Water Way de fontes públicas de auga potable, o río Xuvia, a iglesia de Santa Rita, a pasarela peonil entre Narón e Xuvia, o magnolio centenario, o muíño de Xuvia, o pan de Neda e o albergue da localidade forman parte deses contidos sobre os que se ofrece información ao avanzar nesta xincana turística do Camiño Inglés inclusivo. “Isto obriga a fixarse en detalles que en ocasións pasan inadvertidos, a contemplar, desfrutar e ao mesmo tempo aprender algo máis de cada lugar recollido nesta ruta”, asegurou Paula Gárate.
O concelleiro de Medio Ambiente e Sanidade asvanzou que “dende o goberno local continuaremos traballando por facer de Narón unha cidade cada día máis inclusiva e este é un paso máis neste camiño”. Ramos agradeceu “a implicación da ASCM para que eses avances sexan unha realidade traballando conxuntamente cun obxectivo común en beneficio dunha sociedade e unha cidade máis inclusivas”.