Hoxe visitaron o xacemento 37 nenos usuarios da aula lúdica municipal.
O campo de voluntariado que organiza o Concello coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, estase a desenvolver no Castro de Montes Claros e participando no proceso de consolidación do xacemento.
Forman parte da iniciativa sete mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e que proceden de cidades españolas como A Coruña, Madrid, Valencia, Salamanca e Murcia.
Neste ano dáse a circunstancia de que o campo de voluntariado coincide coa segunda escavación arqueolóxica que se está a realizar no castro por iniciativa do Concello. Isto permitiu que os voluntarios estean integrados co equipo profesional de restauración e poidan observar de primeira man o significado dos traballos que están en marcha e as pautas e os criterios do proceso de consolidación. Sempre baixo dirección arqueolóxica, están a actuar na ampliación da zona da Pegada do xentil mediante a limpeza da cobertura vexetal e o mantemento desa área.
Aula lúdica municipal
O de hoxe foi un día especial e diferente para os voluntarios, xa que recibiron a visita dun grupo de 37 nenos de tres e a seis anos de idade que son usuarios da aula lúdica municipal durante o verán. Tamén acudiron ao encontro o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
Para enriquecer a visita ao xacemento e facilitarlles aos nenos a comprensión das explicacións, os mozos participantes no campo de voluntariado realizaron unha representación abordando de xeito teatralizado os aspectos máis característicos e importantes do Castro de Montes Claros.
Na xornada de mañá farase unha segunda visita de similares características, pero desta volta con nenos de sete a doce anos de idade. Tamén realizarán obradoiros de barro, tiro ao branco e estampación, entre outros.
Intervencións no castro e actividades complementarias
O campo de voluntariado comezou o pasado 26 de xullo e finalizará este domingo, día 6 de agosto. O traballo no castro desenvólvese durante as mañás. Nas tardes e nas fins de semana realizan outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural relacionadas tanto coa cultura castrexa como co coñecemento do termo municipal da Laracha e outras localidades próximas de Bergantiños e da Costa da Morte.
Durante a súa estancia alóxanse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior). A organización asume ao completo os custes da estancia e manutención dos participantes, así como das actividades culturais que realizan.