_Vilanova de Arousa (19 de agosto), Outeiro de Rei (2 de setembro), A Laracha (16 de setembro) e Ourense (2 de decembro) serán as catro citas do ‘Xogade coas motos’ en 2023
Tras os contratempos climatolóxicos que impediron que o ‘Xogade coas motos’ botase a andar no pasado mes de abril, a Xunta de Galicia, da man de VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, vén de anunciar o calendario da nova actividade de motociclismo do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), dirixido a todos aqueles rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos que queiran probar unha moto de velocidade por primeira vez e que viaxará polas catro provincias galegas ata a fin de 2023.
Deste xeito, o vindeiro sábado 19 de agosto terá lugar no Polígono de Baión de Vilanova de Arousa (Pontevedra) a primeira proba do ‘Xogade coas motos’. O sábado 2 de setembro, a actividade viaxará ao circuíto de Robra en Outeiro de Rei (Lugo). A terceira cita do ‘Xogade coas motos’ será na Laracha (A Coruña), o sábado 16 de setembro. Por último, o sábado 2 de decembro, dentro do programa do VI Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur en Ourense, terá lugar a última data de 2023.
‘Xogade coas motos’ pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos á velocidade. A actividade ten como finalidade saber se ao neno gústalle o deporte do motociclismo, polo que non se trata dunha competición. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel do pequeno e informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións. Ademais, estas xornadas son posibles grazas ao seguro do Programa Xogade, a cargo da Xunta de Galicia.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou a importancia de achegar o deporte de motor aos máis pequenos e con toda a seguridade, nun momento no que moitos dos rapaces e rapazas queren imitar aos seus ídolos que están a destacar no panorama mundial do motocrós, como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez; ou do trial, como Gabriel Marcelli ou Jorge Casales.