Friday 22 de November de 2024

O Concello activa cinco novos radares pedagóxicos na cidade, reforzando a seguridade vial na contorna dos centros educativos coruñeses


Os dispositivos, ideados como medida disuasoria para calmar o tráfico nas inmediacións dos centros escolares, están ubicados no paseo marítimo, a rolda de Outeiro, A Sardiñeira, a estrada de Eirís e Feáns

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Mobilidade, rematou hoxe os traballos para a instalación e activación de cinco novos radares pedagóxicos que están localizados en vías interurbanas próximas a diversos centros educativos da cidade.

Esta medida, posta en marcha polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de reforzar a prevención e o alivio do tráfico nas inmediacións dos centros educativos coruñeses, levouse a cabo nos seguintes enclaves: o cruzamento da avenida Pedro Barrié de la Maza coa rúa Modesta Goicuría —á altura do IES Eusebio da Guarda—, a rolda de Outeiro, na contorna do CEIP Sagrada Familia, a avenida da Sardiñeira —nas proximidades do CEIP José Cornide—, a estrada de Eirís, na contorna do Colexio Internacional Eirís e a rúa Obradoiro, preto do acceso ao CEIP Manuel Murguía, en Feáns.

Neste sentido, este mércores levouse a cabo a instalación en rúa dos postes nos que están colocados os cinco novos dispositivos, paso preliminar, e imprescindible, para a posta en marcha dos paneis electrónicos, que se executou este xoves.

Entre finais de maio e inicios de agosto activáronse dez paneis de carácter disuasivo

Os dispositivos, que contan cunha pantalla led e un indicador tricolor —en verde, ámbar ou vermello— que amosa a velocidade de circulación do vehículo ao seu paso, actúan como medida disuasiva e emiten unha advertencia cando se supera o límite de velocidade, sen que implique medidas sancionadoras.

Xa a finais de maio, o servizo municipal de Mobilidade iniciou a primeira fase de colocación destes paneis indicadores da velocidade, activando cinco radares pedagóxicos na rúa Juan Flórez —á altura do colexio Labaca—, a avenida Alfonso Molina —no sentido de acceso á cidade e xa superando o desvío cara a Juan Flórez—, a rolda Camilo José Cela —nas inmediacións do colexio Ramón de la Sagra—, a estrada dos Fortes —en sentido de baixada cara o acceso ao colexio Calasancias— e a avenida da Habana.

Hoxe, e tras completarse a segunda fase das intervencións previstas, o Concello incrementa a dez o número de paneis pedagóxicos habilitados este ano preto dos centros educativos coruñeses.