Saturday 16 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición na “IV Carreira nocturna Cidade de Narón” programada para o 19 de agosto


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe xunto con Atantza Rivas e Xurxo Gómez, vicepresidenta e tesoureiro respectivamente do Club Pasa ou Entona, a cuarta edición da “Carreira nocturna Cidade de Narón”. A cita desenvolverase o vindeiro 19 de agosto e as inscricións poden tramitarse a través da web: www.sportmaniacs.com ou da APP saudeter live ata o 16 deste mes ás 23.59 horas, tal e como se indicou dende a organización. O evento contempla un total de 500 prazas para adultos, que aboarán 7 euros pola inscrición e 200 para menores, que pagarán 1 euro. Cada corredor e corredora recibirá unha bolsa con agasallos e poderá participar en varios sorteos.

A saída e a meta do evento estarán na Praza de Galicia. Os primeiros en participar –a partir das 20.00 horas- serán os menores, con percorridos de entre 100 e 1.200 metros en función da categoría: gazapos (nados en 2016 a 2019), coelliños (2014 e 2015), coellos (2011 a 2013) e lebres (2008 a 2010). A partir das 21.30 horas sairán as categorías senior (16 a 34 anos), veterano A (35 a 44), veterano B (45 a 54) e veterano C (de 55 anos en adiante), todas elas cun percorrido de 7.000 metros.

Entregarase un premio especial, dun xamón, ao corredor e corredora que percorran en menor tempo o tramo da subida de “A Picotiña”, un tramo especial e cronometrado que estará sinalizado pola organización e dunha lonxitude de 450 metros aproximadamente, e que queden ademais clasificados nos 30 primeiros postos do seu sexo na clasificación xeral deste evento. A maiores, haberá outro premio especial, “La Bodeguilla”, ao club máis numeroso na categoría absoluta, que consistirá nun cheque de 200 euros para canxear no citado establecemento hostaleiro da cidade, para unha comida ou cea.
Os representantes do club local valoraron o labor do Concello para organizar de novo este evento e tamén a implicación dos colaboradores e patrocinadores do mesmo, amosando a súa confianza en que se consagre definitivamente e comezar a traballar na vindeira edición.

Finalmente o edil de Deportes, que animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a inscribirse, felicitou ao club Pasa ou entona polo seu traballo ao longo do ano e a súa colaboración en eventos como esta carreira.