Salienta que o PIB galego creceu un 0,7% no terceiro trimestre, unha décima máis que o anterior, o que permite que a economía galega xa creza a un ritmo anual superior ao 2%
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a baixada de impostos aprobada pola Xunta para o vindeiro ano supón unha inxección ao consumo e ás empresas galegas, o que contribuirá a un maior crecemento económico. Así o manifestou durante o acto de entrega do X Premio Familia Empresaria á familia Froiz-Prieto, propietaria do Grupo Froiz.
A este respecto, precisou que o PIB galego creceu un 0,7% no terceiro trimestre, unha décima máis que o anterior, o que permite que a economía galega xa creza a un ritmo anual superior ao 2%. E sinalou que é o 6º trimestre consecutivo no que mellora a súa evolución interanual.
Sobre a baixada de impostos, sinalou que é a maior redución fiscal na historia de Galicia, que entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano. Así, lembrou que contempla unha redución no IRPF; unha liña de impostos cero no rural, para mercar ou permutar calquera tipo de predio agrario ou forestal sen necesidade de pagar un gravame; e a eliminación do imposto de sucesións e doazóns para o 99 por cento dos contribuíntes.
Feijóo indicou que esta medida coincide cunha das principais demandas que viña facendo a Asociación da Empresa Familiar de Galicia, que outorga este premio, e que considerou clave para entender o tecido industrial da Comunidade. Segundo dixo, a política económica dun goberno é a política económica das empresas que conforman un país.
Máis empresas exportando
Na mesma liña, aludiu ao comportamento das empresas galegas durante a recesión económica para asegurar que foron un 24% máis as que exportaron por primeira vez durante a crise. Destacou que o maior volume de exportacións de toda a historia de Galicia se rexistrou no ano 2013. E salientou que, segundo os datos recollidos ata setembro, en 2015 son un 4,4% superiores ás de 2014, o que apunta a outro ano de récord.
Durante a recesión económica, dixo, Galicia aproveitou parta abrir mercado, e para vender fóra como un sinónimo de competitividade, de eficiencia e de calidade no produto.
Con respecto ao Grupo Froiz, indicou que a súa traxectoria é un claro exemplo de como o éxito empresarial vén da capacidade para ir un paso por diante; pero tamén, da capacidade de anticiparse aos obstáculos que se poidan presentar no camiño. Precisou, así, que desde que abriu o seu primeiro establecemento en Pontevedra nos anos 70, hoxe dá emprego a 5.000 persoas e conta xa con puntos de venda en Castela e León, Madrid, Castela-A Mancha e tamén en Portugal, cunha facturación que ascende aos 600 millóns de euros anuais.