Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño subscribe convenios coa AGFA e a Casa do Mel por valor de 5.800 euros


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e os presidentes da AGFA do Eume e da Asociación Casa do Mel, Ignacio Bellas e Manuel Ferreira, asinaron esta tarde os convenios de colaboración entre o Concello e as dúas entidades para a promoción da fructicultura e a apicultura ao longo deste 2023. Os acordos reflicten o apoio ao consistorio nestes dous ámbitos, pero tamén o compromiso de ambas asociacións de manteren tanto a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos como o colmear didáctico da Cortiña. Ademais o acordo tamén recolle a organización de cursos con desconto para a veciñanza de San Sadurniño e a colaboración no desenvolvemento doutras actividades de dinamización do sector primario, como é o caso das xornadas Apostando polo sector primario ou da Feira Rural do próximo 26 de agosto. O importe dos acordos ascende a 4.000 euros no caso da AGFA do Eume e a 1.800 no da Asociación Casa do Mel.

Tal e como establece o convenio, a Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume asume o compromiso de continuar diversificando a plantación da Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que marren, xunto coa execución dos traballos necesarios para a conservación e mantemento da leira, entre eles os programas anuais de poda que aseguren a correcta produción da colección de especies.

Ademais tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural -onde se promocionan as castes tradicionais existentes nas comarcas de Ferrol, o Eume e Ortegal-, a encomenda de planificar as visitas ao recinto e a súa colaboración canda a Casa do Mel e a Asociación Agroecolóxica A Cortiña para organizar as xornadas anuais Apostando polo sector primario.

En canto a formación, o acordo tamén comprende a organización dun curso cunha duración mínima de 20 horas relacionado coa fructicultura, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño.

O convenio asinado coa Asociación Casa do Mel de Goente tamén delega neste colectivo o mantemento das colmeas situadas ao pé da plantación de froiteiras. Deberán repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar. Cómpre sinalar que todo o mel colleitado no colmear se distribuirá entre as visitas escolares do CPI San Sadurniño, que han de ser como mínimo dúas no ano e en coordinación coa ANPA ou coa dirección do centro de ensino.

As cláusulas refírense tamén á obriga de colocar trampas con atraentes para previr os ataques da Vespa velutina nigrithorax e á de retirar de niños desta especie invasora naqueles espazos que se determinen entre as partes.

O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural e á organización do curso anual de introdución á apicultura que se desenvolve habitualmente a mediados de primavera. Igual que no caso da AGFA, este curso -xa celebrado- tivo un desconto do 50% para xente empadroada no concello.

Por outra banda, a asociación apícola deberá colaborar igualmente nas xornadas “Apostando polo sector primario”, promovidas polo Concello con axuda técnica da AGFA, da propia Casa do Mel e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, quen este ano tampouco suscribirá convenio.

Unha cláusula común nos dous acordos asinados hoxe é a de que tanto a Asociación Galega da Froita Autóctona como a Asociación Casa do Mel deben procurar coordinarse na realización de visitas guiadas -tanto para escolares como para outros grupos que as concertasen previamente-, co obxectivo de ofrecer unha visión integral do proxecto que se desenvolve na Cortiña en relación co papel polinizador das abellas e a importancia das propias árbores para o sostemento do colmear.

As entidades percibirán nestes días como adianto o 75% da cantidade asignada, mentres que o outro 25% se librará cara a finais de ano, cando presenten as facturas xustificativas dos gastos.

Ambos convenios económicos, que supoñen unha achega conxunta de 5.800 euros -4.000 para a AGFA e 1.800 para a Casa do Mel-, subscribíronse hoxe á tarde nun acto informal ao que asistiron os presidentes das dúas entidades, Ignacio Bellas e Manuel Ferreira; o alcalde, Secundino García; e a nova concelleira de Participación Veciñal e Axenda 2030, Raquel Piñeiro. A área, tamén de nova creación, ocuparase neste mandato da dinamización do tecido social en canto á súa implicación na vida pública, así como do seguemento e implementación de medidas transversais que aseguren o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU.