O tránsito de vehículos e o aparcadoiro estará permitido ata empezar a seguinte fase dos traballos de humanización
O Concello da Coruña vén de habilitar o tránsito de vehículos no paseo marítimo, no seu tramo entre a rúa Veramar e a rúa Julio Portela Ceballos, que da acceso á Hípica. Esta medida manterase durante todo o mes de agosto e tamén permitirá continuar empregando o estacionamento da marxe dereita da calzada.
Este tramo do paseo marítimo, no sentido en dirección ao hospital Abente y Lago, permanecía pechado polos traballos de humanización que o Goberno de Inés Rey está a executar na contorna. Tras avaliar a evolución das obras, decidiuse abrir este tramo ata que comece a seguinte fase, que consistirá na retirada dos raís do tranvía.
A rúa quedará formada por un carril de circulación e unha ringleira de zona de aparcadoiro. O acceso ao resto do paseo marítimo na contorna continuará pechado e continuarán os traballos de mellora.
Novo paseo marítimo
Estes traballos teñen un orzamento de 3,1 millóns de euros e están cofinanciados con fondos europeos FEDER, a través da estratexia EIDUS Coruña. O obxectivo da reforma do paseo marítimo neste tramo procura melloralo en termos urbanos e ambientais e naturalizalo e humanizalo.
A intervención renovará case 1.500 metros do paseo. Substituirase o firme, soterrando os carrís do tranvía aínda existentes na zona. Actualizarase tamén a infraestrutura do carril bici, con novas dimensións de 2,5 metros e novo pavimento, e a do carril para correr, que será bidireccional con 2 metros de ancho. As zonas de circulación de vehículos e bicicletas estarán separadas por elementos vexetais.
O novo paseo marítimo contará tamén con novas zonas verdes. Está previsto axardinar uns 7.000 metros cadrados con novas árbores. Ademais, esta actuación prevé a creación de espazos de ocio e lecer.