O parque Luís Seoane de Santa Cruz acolleu a inauguración da XXIX edición de Alfaroleiros. O acto contou coa participación de decenas de persoas, así como da presenza do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e de representantes de Abanca.
Durante a súa intervención o alcalde sinalou que a feira de olería é a máis importante do ámbito nacional e que despois de 29 anos “os señores e as señoras do barro xa pertencen a Oleiros, por tradición e por agarimo ao lugar onde volven ano tras anos coas súas familias, transmitindo de xeración en xeración o seu bo facer”. Pola súa parte, a concelleira de Cultura María José Santos agradeceu o traballo dos oleiros e oleiras en prol da tradición e a conservación e pureza das formas mentres que o vicepresidente da Deputación Provincial sinalou que para a Deputación da Coruña a artesanía e especialmente neste caso a olería, “forman parte das nosas marcas de calidade e cómpre dignificalas”.
A feira rematará o domingo 6 de agosto. Ata ese día os 23 oleiros que participan nesta feira expoñerán e venderán as súas pezas en horario de 10:00 a 22:00 horas. Tamén haberá numerosas actividades culturais e de ocio, dirixidas a todos os públicos. Para hoxe mércores está programado ás 21:00 horas o Concerto da Gallaecia Small Band no Parque Luís Seoane; e para mañá xovesdía 3 de agosto, a partir das 18:30h haberá demostracións de olería no Parque Luís Seoane e ás 20:00h; espectáculo de maxia 10 anos de Don Gelati do Mago Dani no Parque Luís Seoane .
PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES: https://www.oleiros.org/documents/39407/518977/TRIPTICO%2023%20CORRIXIDO.pdf/d1bf3b7e-11da-7dfe-4ddc-a7d9f6bb60ec