A concelleira de Turismo compartiu os datos achegados pola oficina de peregrinos que indican un incremento de 20.000 peregrinos chegados a Compostela con respecto á mesma data do ano pasado, o que supón unha suba do 9%. Míriam Louzao valorou positivamente estas cifras e reafirmou a necesidade de seguir traballando cara a un “novo modelo turístico” baseado “nun turismo consciente, responsable e sustentable no tempo” coa posta en marcha de iniciativas como o Código de Boas Prácticas ou a aplicación da taxa turística.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, anunciou “un incremento do 9%” no número de peregrinos chegados a Santiago, “unha cifra de 20.000 máis que nesta data do ano pasado”, segundo os datos publicados pola oficina de peregrinos. Tendo en conta tamén os datos da Asociación de Hostalaría, a concelleira concluíu que “as cifras son practicamente iguais ás do 2022, que era Ano Santo”, iso “á falta dos datos do INE ou AENA que darían unha visión máis axustada e real da situación”, e adiantou que “a previsión para agosto é de arredor dun 75%” sen incluír “as confirmacións de última hora que subiron nos últimos días”.
Míriam Louzao valorou estes datos como “moi positivos a nivel cuantitativo”, aínda que “tamén temos constancia de que aumenta o número de peregrinos pero iso non se ve reflectido nos datos de ocupación hoteleira”. Para a edila, “isto reafírmanos neste camiño que iniciamos de traballar por un novo modelo turístico que baseamos nun turismo consciente, responsable e sustentable no tempo” e referiuse ao Código de Boas Prácticas e a campaña de difusión que foron presentados o pasado luns no Pazo de Raxoi. “Nesa liña, estamos tamén avanzando noutro tipo de medidas como é a preparación de toda a documentación para a aplicación da taxa turística”, e anunciou que será enviada “de forma inmediata” á Xunta de Galicia.