Saturday 16 de November de 2024

Ordes inicia o seu programa de actividades co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade


O IES Nº 1 foi o primeiro en acoller charlas informativas sobre enfermidades mentais relacionadas co consumo de drogas. Andaina PSM representará ‘Romeo e Xulieta’ vindeiro 3 de decembro
26 novembro 2015. Co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que terá lugar o 3 de decembro, este ano Concello de Ordes conmemorará a data baixo o lema ‘Atrévete a coñecerme’. Un xeito de animar a toda a poboación a achegarse á realidade cotidiana daquelas persoas que presentan algún grado de diversidade funcional, contribuíndo así na desestigmatización destas persoas a través do coñecemento das capacidades e habilidades que posúen.
Con este punto de partida o Departamento de Servizos Sociais, dirixido por Susana García, acaba de iniciar o seu programa de actividades. A primeira delas estase a desenvolver nos IES do municipio, onde se están a impartir charlas informativas por parte de colectivos especializados vinculados á Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES). Os primeiros foron os alumnos e alumnas de 14 a 20 anos do IES Nº 1, entre os que se promocionaron hábitos de vida saudables e a prevención de problemáticas e enfermidades derivadas do consumo de drogas como alcohol e cannabis. As sesións incluíron o testimonio dunha usuaria da asociación de Andaina Pro Saúde Mental, que ademais de falar do seu día a día tamén compartíu as súas tarefas dentro do comité de persoal con enfermidade mental de FEAFES Galicia, así como as labores desenvolvidas na dita asociación. Tamén se informou sobre o Servizo de Voluntariado Europeo (SVE), aspecto abordado por Irene Bondi, voluntaria procedente de Italia.
Usuarios e usuarias no escenario
Por outra banda o mesmo día 3 de decembro ás 12 horas no auditorio da Casa da Cultura usuarios e usuarias de Andaina PSM representarán a obra de teatro ‘Romeo e Xulieta’. Unha adaptación realizada polo actor e dramaturgo Francisco Rey, e que nesta ocasión conta con decorados realizados especialmente para a ocasión polos integrantes do curso de Habilidades sociais que se desenvolve en Mesón do Vento. Unha labor na que tamén colaborou activamente o colectivo Creativo Mutante.
A cita está aberta a todas as persoas interesadas, as cales poderán acudir de balde. No acto levarase a cabo a lectura do manifesto realizado polo Concello de Ordes ademais doutras sorpresas e colaboracións nas que participarán, entre outros, estudantes do municipio.