Friday 22 de November de 2024

Os menores saharauís que participan no programa “Vacacións en paz” visitaron hoxe as instalacións do SPEIS


Os menores saharauis que participan no programa “Vacacións en paz” visitaron hoxe xunto coas súas familias de acollida as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, no polígono de Río do Pozo. A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e Maite Martínez, da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, acompañáronos durante esta actividade, impulsada dende o Concello e na que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os profesionais deste servizo e o material co que traballan.
Os menores saharauís atenderon as explicacións teóricas e prácticas que lles ofreceron os bombeiros do SPEIS e, a maiores, tiveron a oportunidade de probar os cascos que utilizan, subirse a un dos camións e preguntar todo o que consideraron oportuno sobre o seu traballo.
O Concello colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui neste programa, no que se incluirá ademais este ano outra actividade, unha visita ás instalacións do Club de Remo, na Gándara, o vindeiro mércores.
Dende o pasado mes de xullo e ata comezos de setembro as nenas e nenos saharauís permanecerán coas familias de acollida, antes de regresar de novo aos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Arxelia.