Arranca así, no parque do Principiño, o programa municipal Miúdo Verán
O programa municipal “Miúdo Verán” deseñado polo Concello de Neda para desfrutar de propostas culturais en familia durante este verán arranca mañá no parque do Principiño co espectáculo de monicreques “The Show Moscón”. A partir das 20:00 horas, a compañía Galitoon ofrecerá esta función na que rende homenaxe ás diferentes escolas e técnicas de manipulación, aprendidas ao longo dos seus preto de 15 anos de traxectoria, e empregadas nos seus diferentes espectáculos de teatro e televisión.
“The Show Moscón” é un circo de de títeres ambulante de “varietés”, presentado por un moscón gordo e rollizo. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que garda no seu interior. Así, o público poderá desfrutar de verdadeiras divas da canción, absurdos números musicais, espeluznantes magos e mentalistas, incribles bebés equilibristas, marabillosos números de danza e un sin fin de humor…
O programa “Miúdo Verán” continuará o xoves 10 de agosto no paseo marítimo de Xuvia co concerto de Os Xabatos.