Friday 22 de November de 2024

A Xunta licita a construcción de 40 novas vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán, na Coruña


— O investimento previsto supera os 7,7 millóns de euros

— Estas vivendas súmanse as 40 xa construídas e ás 58 cuxo proxecto está en fase de redacción

A Xunta de Galicia licitou hoxe a construción de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en terreos localizados no barrio de Xuxán, na cidade da Coruña, cun investimento previsto de máis de 7,7 millóns de euros. A nova promoción, que será a segunda de vivendas de promoción pública que a Xunta constrúe nesta contorna, emprazarase nunha parcela cunha superficie de 1.280 metros cadrados.

O inmoble disporá de 40 VPP, distribuídas en 5 plantas, das que 30 terán 3 dormitorios – 2 estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida-, 5 con 4 estancias, e outras 5 de 2 dormitorios. A superficie das vivendas de 2 dormitorios oscila entre os 66 e os 68 metros cadrados de superficie útil, mentres que as de 3 dormitorios moveranse entre os 86 e os 93 metros cadrados e as de 4 dormitorios van de 115 a 118 metros cadrados útiles.

Tamén contará con dous andares subterráneos, onde se localizarán 88 prazas de garaxe –2 accesibles-; unha planta baixa, onde estarán os portais de acceso e 5 locais comerciais, e un baixo cuberta con 40 rochos -2 accesibles- e instalacións comúns.

Actualmente a Xunta xa rematou a construción de 40 vivendas de promoción pública en Xuxán e está redactando o proxecto para a construción doutras 58 vivendas, polo que en total son 138 vivendas de promoción pública as que se prevén neste barrio.

O ámbito no que se construirán estas vivendas está sendo urbanizado co financiamento da metade dos custes por parte da Xunta de Galicia, que é propietaria do 50 % cento do solo, que se destina á construción de 1.100 vivendas protexidas. A Xunta leva investidos preto de 20 millóns de euros na urbanización deste solo.