A Xunta recoñecera que a Costa de Dexo está absolutamente desprotexida como denunciou até a saciedade o BNG “copiando” literalmente as denuncias da formación nacionalista, para paliar esta situación, “autoriza” a entrada de equipas de rodaxe , varias furgonetas , drons…
De non existir autorización autonómica, dende o BNG de Oleiros, demandamos á Xunta que exerza dunha vez as súas competencias e depure responsabilidades
Onte, 31 de xullo do 2023, unha manda invasiva de rodaxe dun presunto filme ou anuncio publicitario, ocupaba a Costa de Dexo con varias furgonetas, carpas, equipas pesadas, sets e mesmo un dron. Continúa a desfeita na Costa desprotexida de Dexo. Como non amosar a nosa total desconfianza cara a Xunta que tan só após as flagrantes infraccións documentadas polo BNG nos últimos meses decidira mover ficha e recoñecer a patente degradación da zona?. Polo que semella esa intención era só papel mollado vistas as incomprensíbeis “escenas” (nunca mellor dito) de onte.
O Consello da Xunta autorizou recentemente á Consellaría de Medio Ambiente a iniciar o proceso para que dunha vez por todas e cun atraso incomprensíbel de 23 anos após a súa declaración como Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes (papel mollado), a Costa (des)protexida de Dexo teña por fin un Plano integral de xestión. Agora sométese a participación pública.
A Xunta de Galiza após un primeiro estudo e décadas de omisión, abandono e colaboración por imprudencia no deterioro constante da Costa Desprotexida de Dexo, recoñece por fin o estado de abandono da mesma con “proliferación de especies exóticas invasoras”, “o espazo soporta na actualidade unha importante presión de uso público”, de “estar excedendo a súa capacidade de carga e provocar diversas problemáticas”,“procesos erosivos nos camiños, hábitats e patrimonio natural e cultural”, na “fragmentación e alteración do estado de conservación de hábitats naturais”, en “molestias en áreas sensíbeis para avifauna e especies ameazadas” ou “na degradación paisaxística”, ademáis de “conflitos e incompatibilidades de uso entre distintas actividades”.
Simple copia e pega de todas as denuncias presentadas polo BNG de Oleiros durante lustros con probas documentais de motos circulando en pleno Monumento Natural, vehículos aparcados no mesmo, drons alterando os niños dos corvos mariños, construcións fixas sen licenza, trails masivos circulando por camiños abertos ad hoc e polos muros de castros ou a escasos metros de aves en pleno proceso de niñificación, bicicletas sen control creando novas e novas rodeiras, tractores de administarcións ampliando máis e máis os camiños preexistentes, cans ceivos e sen control, gravación de publicidade privada coa introdución de vehículos e drons……