O goberno municipal reuniuse hoxe coa plataforma de afectados pola circunvalación para reafirmar o seu compromiso de seguir adiante coa realización dun estudo técnico independente que avalíe as alternativas ao trazado proposto pola Xunta de Galicia.
Tras o incumprimento do acordo plenario de outubro de 2020 por parte do anterior goberno, que excluiu a proposta de facer a circunvalación mellorando a estrada de Xarás a Frións; o actual goberno municipal comprométese a estudar a viabilidade dunha alternativa que non afecte aos veciños e veciñas.
O proxecto da Xunta de Galicia provocaría problemas de tráfico no entorno de trescentros educativos e suporía un maior custo económico, xa que inclúe unha nova estrada nova e algún viaduto. É por iso preciso facer un estudo no que se valore a proposta de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Esta alternativa implica un menor impacto ambiental; menor impacto social, xa que non afecta a núcleos habitados; e sería máis económica por consistir
nunha mellora do trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais.
A proposta de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Asimesmo, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.