Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle o espectáculo “A Maxia de Europa” de Europe Direct A Coruña este venres 4 de agosto


O Concello de Lousame acolle este venres 4 de agosto, ás 12:00 horas, o espectáculo “A Maxia de Europa”. Trátase dunha actividade de Europe Direct A Coruña que mestura xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para maiores e pequenos a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea.

A función, que ten entrada de libre e de balde, terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Lousame ás 12:00 horas. O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.

Esta actividade lúdica e máxica está organizada por Europe Direct A Coruña dentro da iniciativa Europa no teu Concello, da que forma parte o Concello de Lousame. O espectáculo levará durante o mes de agosto os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a un total oito concellos da provincia adheridos a esta rede.