Friday 22 de November de 2024

O Concello activa un dispositivo especial de mobilidade polas Festas de María Pita, reforzando as liñas de autobús á finalización dos concertos


Este servizo especial estará en funcionamento desde hoxe, martes 1, e ata o vindeiro 8 de agosto, con saídas desde Porta Real a partir das 23.30 horas agás este xoves 3, cando se iniciarán ás 1.30 horas

O Concello da Coruña activa desde este martes, 1 de agosto, un dispositivo especial de mobilidade de cara ás Festas de María Pita. Un servizo que entrará en funcionamento esta noite e que implicará un reforzo nas liñas de autobús operativas á finalización dos concertos. O obxectivo e favorecer o desprazamento dos cidadáns aos concertos que se celebrarán na praza de María Pita desde hoxe.

Este dispositivo, con saídas centralizadas desde Porta Real, estará habilitado os días 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 de agosto, sempre a partir das 23.30 horas agás o xoves 3, cando se disporá dito reforzo a partir das 1.30 horas, á conclusión do evento ‘Locos Coruña’, que agrupará nomes do panorama musical nacional como Seguridad Social, Melon Diésel, Rafa Sánchez e Revólver.

Así, entre os días 1 e 8 de agosto, as liñas nas que está previsto un reforzo do servizo son as seguintes:
● Liña 1, con cobertura ás zonas da Palloza, A Gaiteira, Os Castros, O Castrillón e a avenida de Monelos.
● Liña 1-A, con cobertura ás zonas de Catro Camiños, a avenida Salvador de Madariaga, Matogrande e Eirís.
● Liña 3-A, con cobertura ás zonas de Labañou e Os Rosales.
● Liña 6, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, avenida de Fisterra, O Ventorrillo e Meicende.
● Liña 7, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, O Peruleiro, rolda de Outeiro, O Ventorrillo e Vila de Negreira.

● Liña 11, con cobertura ás zonas de Juana de Vega, praza de Pontevedra, Juan Flórez, Pla e Cancela e Os Mallos.
● Liña 21, con cobertura ás zonas de Ramón y Cajal, Pablo Picasso, O Birloque e Novo Mesoiro.

Ademais, todos os días, e xa a partir das 1.30 horas, estará en funcionamento o servizo nocturno de autobús no sentido de circulación habitual: Labañou – Rolda de Outeiro – O Birloque – Novo Mesoiro.