O parque Luís Seoane de Santa Cruz acolle mañá, ás 12:30 horas, o acto público de inauguración da XXIX edición de Alfaroleiros. Está prevista a participación entre outras personalidades do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela; o coordinador institucional de ABANCA, José Manuel Vilariño; e a concelleira de Cultura, Normalización lingüística, Ensino e Xuventude, Mª José Santos Zas.
A feira de olería máis importante de toda España, tal e como a cualifican os profesionais do sector, concentrará un ano máis aos mellores oleiros tradicionais da Península Ibérica que destacan por ser únicos nas súas respectivas zonas de procedencia e pola calidade e pureza dos seus traballos. O horario de exposición e venda será de 10:00 a 22:00 horas.
Durante os días de feira (de mércores a domingo), o Concello, de forma paralela, organiza numerosos espectáculos, concertos e actividades de ocio para todas as idades e de libre acceso. Para a xornada de mañá mércores destaca o concerto da Gallaecia Small Band, ás 21:00 horas, no parque Luís Seoane.