Melloraranse as fachadas e as instalacións de calefacción e fontanería do centro
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez,, destacou hoxe a importancia da colaboración entre Xunta e Concellos para que as familias teñan ao seu alcance as mellores instalacións para a atención educativa e os coidados dos seus fillos. Díxoo durante a visita que fixo esta mañá á escola infantil de Coristanco na que anunciou a próxima realización de obras de mellora por un montante próximo aos 20.000 euros.
Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde do concello, Juan Carlos García Pose, detallou que os traballos afectarán ás fachadas do inmoble e ao sistema de calefacción e fontanería. Así mesmo, explicou que a intervención levarase a cabo este mes de agosto, aproveitando que a escola está pechada por vacacións, e que estará rematada para cando os nenos regresen as aulas a principios de setembro.
A necesidade de acometer estas melloras foi acordada coa comunidade educativa e co Concello. A contratación e execución dos traballos correrá a cargo do Concello e o Consorcio financiará o 100% do seu custe a través da compensación das liquidacións que lle corresponde abonar ao ente local por este servizo público.
A escola infantil de Coristanco iniciará o vindeiro curso 2023-2024 con 33 nenos matriculados. As súas familias seguirán sen pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que a Xunta mantén a gratuidade en todas as escolas de 0 a 3 anos da Comunidade Autónoma e para o 100% do alumnado.