O pleno cabanés aprobou unha iniciativa do BNG instando á alcaldía a continuar co recurso contencioso – administrativo contra o PRUX
O PP de Cabanas gabouse estes días de ter aprobado uns Orzamentos municipais “en 40 días”, obviando o feito de que o documento que someteron a votación no pleno foi o borrador dos Orzamentos elaborado polo anterior alcalde, un borrador que, non sendo un texto definitivo, tiña detectados – e aínda sen corrixir – algúns erros que o novo goberno, nas súas présas, pasou por alto.
Ademais, nesas présas por aprobalos, saltaron varios pasos no procedemento que son necesarios: non llos presentaron ao Consello de Participación Veciñal, onde están representadas as asociacións, sociedades e entidades locais do concello, nin tampouco á representación sindical das traballadoras, un incumprimento que levará á súa impugnación por parte dos sindicatos.
“Desde o BNG lamentamos que as présas do goberno municipal por anotar un punto leven non só a aprobar un texto con erros, senón tamén a dar un paso atrás tan grande en Participación” sinalou o portavoz municipal, Iago Varela. “No BNG cremos firmemente que tanto as entidades como as traballadoras do Concello, como parte afectada polos orzamentos, deben ter voz na súa elaboración”, concluíu.
Aínda con todas estas eivas, os orzamentos saíron aprobados co voto a favor do PP e a abstención do PSOE.
Apoio ás propietarias afectadas polo PRUX
Logo da decisión unilateral de alcaldía de retirarse do recurso contencioso – administrativo contra o PRUX das Fragas do Eume, o pleno de Cabanas tamén debateu unha iniciativa do BNG, instando a continuar co recurso e reiterando o apoio do Pleno ás reivindicacións das afectadas. A iniciativa foi apoiada por todos os grupos agás o PP.