O PP entrega os seus votos no Pleno Municipal ao PSOE para pactar os salarios da estructura política da Corporación, desperdiciando a oportunidade de lograr calquera contraprestación para a veciñanza de Culleredo.
Os concelleiros/as do PP terán á súa disposición 3 postos con dedicación por valor de 103.500€ ao ano e 2 postos de asesor/a escollidos a dedo.
Mentres tanto, facilitan que teñamos un Alcalde sen dedicación ningunha ao Concello e que cobrará case 70.000€ ao ano pola súa dedicación á Deputación da Coruña, puidendo aumentar esa cifra nuns 20.000€ pola súa asistencia a órganos colexiados do Concello.
O PSOE e o PP de Culleredo veñen de aprobar conxuntamente no Pleno de Organización do Concello celebrado esta mañá, os salarios e dedicacións da estructura política da Corporación. O custo dos salarios dos concelleiros/as, os postos de asesores/as escollidos a dedo e as asignacións aos grupos políticos, pasarán dos 360.040€ aos 453.850€ ao ano, un aumento do 26% respecto da anterior lexislatura. Ante as preguntas do BNG, que votou en contra da proposta, nin PP nin PSOE foron quen de enumerar unha soa proposta política que acompañe este pacto.
O acordo aprobado en Pleno contempla que José Ramón Riobóo non teña dedicación ningunha ao Concello de Culleredo, e polo tanto renuncia ao seu salario, mais cobrará 69.441€ ao ano pola súa dedicación á Deputación da Coruña. O Alcalde de Culleredo esquiva así o máximo legal do salario que podería percibir polo cargo como rexedor, que sería de 63.888€ ao ano. Agora poderá aumentar o seu salario de case 70.000€ con 20.000€ máis a cargo do Concello pola súa asistencia a órganos colexiados, como Plenos, Comisións ou Xuntas de Voceiros.
Por outra banda, o Partido Popular liderado por Izaskun García Gorostizu logra introducir no acordo 3 dedicacións para os seus concelleiros/as por valor de 103.500€ ao ano. Ademais, poderá contratar “a dedo” a 2 asesores/as a xornada completa.
O BNG presentou o mes pasado ao goberno local unha xeira de 50 medidas políticas para o desenvolvemento do concello de Culleredo en varios eidos da vida municipal, fundamentais para a rexeneración democrática do goberno municipal. A día de hoxe aínda non tiveron resposta.
Segundo o portavoz nacionalista, Tono Chouciño, “o Partido Popular de Culleredo entrega os seus votos no Pleno Municipal a cambio de salarios e postos de traballo, sen que dentro dese pacto, queiran facelo público ou non, se inclúa ningunha medida para mellorar a vida das nosas veciñas e veciños. Esta lexislatura quedará xa marcada por este pacto da vergoña. O BNG seguirá a fiscalizar cada acordo plenario aprobado por este goberno do PSOE-PP oculto nas sombras.”