• Será os días 16, 17, 18 e 25 de agosto no Centro Social de Ortigueira, en horario de 16:00 a 18:30 horas.
• As inscricións poden formalizarse no Centro de Información á Muller ou a través do número de teléfono 981 40 25 42.
• A iniciativa busca empoderar, recuperar e poñer en valor o traballo das mulleres na parroquia ao longo da historia.
A concellería de Servizos Sociais e Igualdade, a través do Centro de Información á Muller de Ortigueira, pon en marcha unha nova edición do proxecto ‘Con voz de muller’.
Despois das edicións de San Claudio, Loiba, Espasante, Mera, Couzadoiro, San Adrián e Ladrido, nesta ocasión serán as mulleres de Santa Marta de Ortigueira as que poidan revivir as súas vivencias na localidade.
A iniciativa terá lugar os días 16, 17, 18 e 25 de agosto no Centro Social de Ortigueira, en horario de 16:00 a 18:30 horas. As mulleres interesadas poden inscribirse no Centro de Información á Muller ou a través do número de teléfono 981 40 25 42.
O proxecto ten como finalidade recuperar a memoria das mulleres na parroquia de Santa Marta de Ortigueira, recompilando datos, feitos e historias que permitan poñer en valor o seu legado.
Ademais, preténdese crear un espazo de empoderamento a través da reflexión e indagación das súas propias historias, dignificando a contribución e a presenza das mulleres na comunidade local.
Nos encontros recompilaranse fotografías, cartas, obxectos e outros elementos que permitan profundar na vida das protagonistas. Elas poderán compartir información sobre os espazos que ocupaban ou as actividades que realizaban, entre outros aspectos relevantes para a zona.
Desde o CIM animan ás mulleres de máis de 65 anos que nazan ou vivan na parroquia para participar no proxecto, co que se busca crear un espazo de encontro para rememorar a historia local a través da súa propia voz.
Posteriormente, os seus relatos quedarán plasmados nun libro, grazas á colaboración da imprenta da Deputación da Coruña. Deste xeito, búscase impulsar e difundir a historia viva do municipio.