O Código de Boas Prácticas ofrece unha serie de recomendacións para que as persoas que visiten Santiago respecten tanto o patrimonio como a veciñanza do concello.
A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, presentou ao tecido asociativo veciñal, así como a axentes dos sectores turístico e comercial e a representantes institucionais a campaña de comunicación e o Código de Boas Prácticas dirixido ás persoas que visitan Compostela. “O obxectivo básico é concienciar sobre o carácter patrimonial da nosa cidade e sobre a importancia de coidala, respectando tanto os espazos e edificios públicos como a propia vida cotiá e o descanso da veciñanza”, explicou a concelleira.
O Código recolle 12 principios básicos ou valores a preservar para garantir tanto o dereito ao goce da visita como a obrigas derivadas da mesma. Son: corresponsabilidade, diversidade, autenticidade, singularidade, calidade ambiental, calidade acústica, calidade visual, preferencia peonil, seguridade, dereito ao descanso, tranquilidade e hospitalidade.
Na presentación do Código, que atende unha demanda social dos últimos anos, en especial dos barrios de San Pedro e da cidade histórica que viven un maior movemento diario de turistas e persoas que fan o Camiño de Santiago, estiveron presentes representantes de asociacións veciñais e sectoriais, así como das distintas institucións e administracións implicadas na xestión turística e patrimonial de Santiago. Esta presentación tivo lugar esta mañá no Auditorio de Galicia.
Con esta nova acción, o novo goberno municipal fai realidade un dos seus primeiros compromisos encamiñados a potenciar un turismo consciente na cidade. O obxectivo é que Compostela poida manter e incluso aumentar o número de turistas que recibe cada ano, pero concienciando ás persoas que visitan a cidade e aos seus arredores para minimizar as accións que afectan negativamente ao patrimonio ou ao día a día da veciñanza. É dicir, potenciar un turismo de calidade, sostible e consciente, responsable, que sexa un piar económico da cidade e ao tempo permita unha relación harmónica coa necesidades da poboación.
Tras a presentación no Auditorio de Galicia, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, presentaron aos medios de comunicación o contido da campaña e do Código de Boas Prácticas nunha rolda de prensa que se celebrou no Pazo de Raxoi.
Segundo destacou a concelleira, as vindeiras semanas farase unha distribución masiva dos distintos elementos da campaña para chegar ao maior número posible de persoas que visitan a cidade, ademais de incluírse nas accións de promoción de Turismo de Santiago, potenciando xa en orixe o turismo consciente que se procura. Tamén se prevén elementos específicos para a súa distribución na hostalaría e comercios, tales como manteis e bolsas de papel coa imaxe da campaña. Todos os establecementos (bares, restaurantes, aloxamentos, comercios) que desexen colaborar a través da distribución á súa clientela dos materiais anteditos, teñen que solicitalo en santiagoturismosostible@gmail.com.
O Código de Boas Prácticas parte de base de que Santiago de Compostela e un destino Patrimonio da Humanidade, un patrimonio colectivo que calquera persoa que nos visita ten o dereito a gozar e a obriga de coidar. É dicir, trátase de facer conscientes ás persoas que visitan a cidade de que teñen tamén a corresponsabilidade de coidar o patrimonio da cidade, ademais de respectar tamén a vida das persoas residentes en Compostela.
“Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade”
Míriam Louzao explicou que a campaña baséase “nun concepto universal: o do símbolo que identifica o material delicado e que debe tratarse co máximo coidado”. Baixo o epígrafe ‘Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade’m unha serie de elementos que xogan coa idea dunha caixa de embalaxe de cartón, como as que se usan para envíos e transporte. “Este tipo de embalaxes son os que se usan para identificar as alfaias máis delicadas. Por iso representamos a Santiago de Compostela como o que realmente é: unha das alfaias máis valiosas do mundo occidental, da que todas as persoas temos o dereito a gozar máis tamén a obriga de coidar”, engadiu.
Pola súa banda, a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, salientou que “esta campaña encaixa nas coordenadas e no compromiso do Goberno de España para avanzar cara a un turismo responsable” e que ademais “apoiamos grazas ao investimento que facemos dentro do Plan de Turismo Sostible”. “A folla de ruta está clara, hai ideas, hai investimentos e ten que haber colaboración entre as administración para levala a cabo”, engadiu.
Máis información: santiagoturismo.gal e a través do correo electrónico santiagoturismosostible@gmail.com