O Boletín Oficial da Provincia do pasado 27 de xullo publicou o anuncio do Concello de San Sadurniño conforme se convoca o proceso selectivo para un contrato temporal de Educadora/or Familiar, así como para a creación dunha bolsa de emprego da que tirar no caso de baixas ou permisos da persoa titular. O proceso levarase a cabo mediante concurso, outorgando puntuación tanto pola experiencia laboral relacionada co posto como pola formación. As persoas interesadas teñen até o próximo 10 de agosto para presentar as instancias -segundo o modelo que figura como anexo no propio anuncio do BOP- xunto coa documentación requirida e o xustificante do pagamento das taxas de exame (29,71 euros)
A bolsa convócase para a cobertura de baixas, vacacións e permisos da titular da praza, cuberta recentemente a través do proceso de estabilización de emprego no que se encontra inmerso o Concello en cumprimento da normativa estatal que busca reducir a temporalidade nas Administracións públicas.
Os requisitos xerais para poder acceder ao proceso selectivo son o de ter máis de 16 anos e non superar a idade de xubilación, posuír capacidade funcional para o desenvolvemento dos labores propios do posto, non ter sido obxecto de expedientes ou condenas que impidan traballar no sector público e contar coa nacionalidade española (ou cumprir co disposto no artigo 52 da Lei 2/2015 do emprego público de Galicia). Tamén se esixe formación de Grao ou Diplomatura en Educación Social, Traballo Social ou Maxisterio; ou ben unha licenzatura ou Grao en Psicoloxía, Pedagoxía, Socioloxía, Psicopedagoxía ou equivalente.
A selección farase mediante concurso, no que se valorarán os méritos formativos e por experiencia laboral. Poderanse obter un máximo de 30 puntos: ata 20 acreditando documentalmente experiencia na planificación, deseño e/ou desenvolvemento práctico de actividades relacionadas coas funcións do posto (ata 20 puntos se se prestaron servizos nunha Administración local ou ata 15 se foi noutra ou na empresa privada); e ata 10 puntos máis por títulos distintos ao presentado como requisito de acceso á convocatoria e por cursos recibidos cunha duración igual ou maior de 300 horas. Os cursos homologados de formación ou perfeccionamento relacionados co posto ou de carácter transversal -prevención de riscos, idiomas, ofimática, etc.- outorgarán entre 0,10 e 1 punto dependendo da súa duración.
No apartado formativo tamén se poderán obter 0,5 puntos se se superou o nivel medio do curso de linguaxe administrativa galega e 1 punto se se ten o nivel superior. Cómpre ter en conta, ademais, que será necesario acreditar o coñecemento do galego mediante a presentación do título de perfeccionamento ou do CELGA 4. De non posuír ningunha destas dúas acreditacións haberá que superar obrigatoriamente unha proba de tradución que non puntuará, senón que cualificará como apta/o ou non apto/a.
Unha vez concluídas as probas selectivas e resoltas as posibles alegacións (haberá 3 días trala publicación da lista provisional), o Tribunal cualificador formulará unha proposta de nomeamento da persoa aspirante que reúna a maior puntuación, elevándoa á Alcaldía para o seu nomeamento como persoal laboral temporal. Co resto de persoas aspirantes non propostas para a contratación crearase unha lista por orde decrecente, co obxectivo de cubrir rexeitamentos, baixas e outras vacantes temporais de natureza similar.
Os contratos -insistimos, de tipo temporal e como persoal laboral- serán para un grupo II, cun nivel de destino 24 e un complemento específico de 46,75 puntos, de acordo coa relación de postos de traballo do Concello de San Sadurniño.
Segundo o anuncio publicado no BOP do xoves 27 de xullo, as solicitudes para participar na selección haberá que presentalas, como último día, o xoves 10 de agosto, xa sexa presencialmente no Concello, a través da Sede Electrónica ou por calquera dos outros medios previstos na normativa sobre relación coas Administracións Públicas.
Canda o Anexo II da solicitude -que figura ao final do anuncio do BOP- tamén se deberán presentar a copia do DNI, pasaporte ou documento de identificación, a copia da titulación acreditativa, tamén a copia da certificación dos coñecementos do galego (se se dispón dela para non ter que facer a proba lingüística), a relación de méritos e a súa acreditación. No caso da experiencia será necesario adxuntar o informe de vida laboral e as certificacións expedidas por Administracións, entidades sociais ou empresas privadas nas que se especifiquen as tarefas desenvolvidas. Tamén cómpre achegar o xustificante do pagamento dos dereitos de participación no proceso selectivo (29,71 euros), que deberán ingresarse na conta do Concello ES74-2080-0208-0131-1000-0059.
Nos días seguintes ao remate do prazo de presentación das solicitudes, o Concello publicará a lista provisional de persoas admitidas e, posteriormente -tralo prazo de alegacións-, o listado definitivo. Toda a documentación que se vaia xerando arredor do proceso poderá consultarse no apartado de Persoal do Portal de Transparencia.