• Inclúe nove vídeos musicais baseados no turismo cultural do municipio, que serán retransmitidos a través da súa canle de Youtube.
• As actuacións están programadas para as 20:00 horas cada día
• Este 30 de xullo estréase cun programa dedicado ao 95 aniversario da Sociedade Naturais de Ortigueira
A Escola de Música de Ortigueira presenta a programación cultural da súa canle de Youtube para este verán nun acto no que participaron a concelleira de cultura, Ana Cartelle, e o director da Escola de Música Concello de Ortigueira, Carlos Diéguez.
Na canle da EMCO poderase ver cada mércores de agosto e setembro, ás 20:00 horas, unha programación baseada no turismo cultural e histórico do municipio.
Este domingo, 30 de xullo, darán comezo as actuacións cunha homenaxe polo 95 aniversario á Sociedade Naturais de Ortigueira; o 9 de agosto iníciase unha nova sección denominada ‘Tal e como eramos’, na que as melodías actuarán como máquina do tempo para redescubrir e lembrar de forma atemporal a música e a xente do municipio.
O día 16 emitirase un concerto de Marta Monteagudo, exalumna, volvendo así ás súas raíces e á música local; o 23 de agosto Iván Vale súmase á banda de Ortigueira para presentar ‘Granada’; a semana seguinte, o día 30, será o combo da EMCO a que nos deleite con ‘Benvidos’.
Para comezar setembro, o día 6 o grupo vocal da EMCO interpretará ‘Historia dun amor’; o 13 de setembro o alumnado da escola de música tocará ‘Mambo’. Valentina e Haidée, xunto co combo da EMCO, encheranos de melancolía con Havana. Para finalizar o ciclo de actuacións, haberá un novo episodio da sección ‘Tal e como eramos’, que presenta a un municipio ‘De cinema’.
Desde o Concello de Ortigueira animan a todos e todas, veciños e visitantes, a pasarse pola canle de Youtube da Escola de Música e gozar destes fantásticos vídeos.