O concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais recibiu hoxe en María Pita ás 50 mozas e mozos becados para participar na ‘Expedición Balmis, Salvany e Zendal’, na segunda edición do proyecto Vuelta al Mundo
O concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, recibiu hoxe en María Pita ás 50 mozas e mozos becados para participar na segunda expedición do Proyecto Vuelta al Mundo 2023, unha iniciativa de carácter sociocultural, académica e de aventura que evoca o Cruceiro Universitario polo Mediterráneo de 1933.
Nesta edición, o proxecto, no que toman parte rapazas e rapaces de entre 18 e 19 anos procedentes de 21 países, orbita en torno á ‘Expedición Balmis, Salvany e Zendal’. Na súa intervención, e ao abeiro do 220º aniversario da Real Expedición Filantrópica da Vacina, Borrego lembrou a figura de Isabel Zendal, “que encarna o espírito solidario da Real Expedición, que partiu desde o porto da Coruña rumbo ao continente americano para que a vacina da varíola chegase ao outro lado do Atlántico”.
A este respecto, Borrego puxo en valor os obxectivos marcados polo Proyecto Vuelta al Mundo 2023, “en termos de experiencias persoais, educativas e culturais, que supoñen un espertar para moitas das persoas participantes na busca dunha sostibilidade real para o noso planeta”.
No acto de recepción, celebrado no Salón de Sesións do Palacio Municipal, o concelleiro estivo acompañado por Jesús Luna, director da expedición do Proyecto Vuelta al Mundo 2023 e coordinador, durante un cuarto de século, da Ruta Quetzal xunto a Miguel de la Quadra-Salcedo.