Saturday 16 de November de 2024

O Concello financia o gasto do comedor escolar dos nenos e nenas en situación de vulnerabilidade


O Concello de Oleiros asinará o martes o convenio de colaboración para o vindeiro curso escolar coas ANPA dos colexios públicos que xestionan os comedores para garantir que todos aqueles nenos e nenas de familias en situación de vulnerabilidade accedan ao comedor escolar. O Concello asume o 100% do gasto de comedor escolar destes nenos e nenas para garantir a cobertura das necesidades básicas da súa alimentación.

Inicialmente, para o vindeiro curso 2023/2024, destínase unha partida de 35.000 euros, que en caso de resultar insuficiente incrementarase. A maiores, o Concello dispón doutra liña de subvencións para os gastos de comedor das familias dos nenos e nenas que non estando nunha situación económica tan adversa precisen axuda para facilitar a conciliación familiar.

A organización dos comedores escolares é moi desigual nos distintos centros de ensino debido á nula implicación da Xunta na organización deste importante servizo de conciliación, tan necesario para moitas familias e especialmente para as mulleres, tradicionalmente encargadas dos coidados.

Mentres no colexio da Rabadeira a Xunta ofrece un servizo de comedor de maior calidade e menor prezo, no resto dos centros a administración autonómica non se implica en absoluto, polo que as ANPAS vense obrigadas a autoorganizar un servizo que debera ofrecer o sistema público en condicións de igualdade para todo o alumnado.

O pasotismo da Xunta resulta inaceptable non só para as familias con dificultades para abordar o importe debido ao seu nivel de renda, senón para o conxunto do alumnado, xa que obriga a unha entidade asociativa a organizar un servizo público que debera de figurar na axenda básica educativa ou social.

As razóns desa implicación que debera ter a Xunta están relacionadas coa coexistencia familiar que tanto din protexer desde os ámbitos conservadores. Pero tamén coa súa vertente educativa, pois durante o xantar, nenas e nenos socializan en ámbitos e situacións alleas á aula e á contorna familiar, o que redunda na conquista dunha maior autonomía e desenvolvemento persoal, tan necesario a esa idade.